XUNTA DE GOBERNO

O Goberno destina máis de 630.000 euros a convenios con entidades sociais

11/10/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a sinatura de cadanseu convenio con vinte entidades sociais, aos que se destinarán un total de 632.000 euros. Ademais, recibiron luz verde as subvencións para actividades de fomento da igualdade das mulleres e do colectivo LGTBI, que supoñen unha contía total de máis de 22.000 euros.

Os convenios que hoxe recibiron luz verde serán asinados coa Concellería de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde. O acordo de maior contía será o firmado con Cáritas Diocesana de Santiago, que recibirá 100.000 euros para o seu Programa de Atención Primaria. Trátase dun proxecto para a atención de persoas en risco de exclusión social, que en 2017 atendeu a máis de 2.000 usuarios e usuarias.

Pola súa banda, Cruz Vermella recibirá unha achega municipal de 75.000 euros, para continuar co Plan de Atención ás Persoas sen Fogar, posto en marcha en 2015, Grazas a este convenio, manteranse os equipos de rúa que atenden as necesidades psicosociais das persoas con maior vulnerabilidade social; así como outras actividades impulsadas pola entidade como o programa de teleasistencia domiciliaria, o programa de prevención do deterioro cognitivo, ou o programa de fomento da autonomía das persoas maiores nos seus domicilios.

Pola súa contía tamén destacan os convenios que a Concellaría de Políticas Sociais vai asinar co Centro Cultural e Social Xoán XXIII para o mantemento do seu servizo de albergue, e a Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos mentais de Galicia, FEAFES. Cada unha das entidades percibirá 60.000 euros. Mentres, o acordo que será asinado con Proxecto Home Galicia contempla unha achega de 45.000 euros; Cáritas Diocesana recibirá 30.000 euros para o proxectyo Vagalume e a Fundación Secretariado Xitano percibirá 23.000 euros.

Na lista de convenios aprobados hoxe pola Xunta de Goberno tamén figuran a Asociación de Persoas Xordas de Santiago e Colexio de Avogados de Santiago, que recibirán 10.000 euros cada unha; e a Fundación USC Deportiva e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, con achegas de 9.000 euros. A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, ASPAS, percibirá 6.000 euros; e a Fundación Ronsel, a Escola de tempo libre Don Bosco, e a Asociación Itínera de voluntarios de saúde mental, 5.000 euros cada unha. Por último, o convenio que se vai asinar coa Asociación de Loita contra Enfermidades de Ril, ALCER, suporá unha axuda de 4.000 euros e a Asociación de Dano Cerebral Sarela e a Fundación Andrea recibirán 3.000 euros.

Subvencións para o fomento da igualdade
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a resolución da convocatoria de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo LGTBQI, impulsada pola Concellería de Políticas Sociais. O departamento repartirá axudas por case 22.400 euros, para a Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia-AEIGA, a Federación Autismo Galicia, a Asociación de Empregadas do Fogar XIARA, a Asociación para a Promoción e Integración das Mulleres Galegas do Rural-AGRA, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia-FADEMUR, a vogalía de Muller da Asociación Veciñal Camiño de Santiago, a Asociación de Mulheres Nacionalistas Galegas, a Plataforma Feminista Galega, a Asociación Cultural e Veciñal As Brañas de Andrés e oSindicato Labrego Galego.

Outros convenios
O Goberno tamén aprobou hoxe o convenio entre a concellería de Deportes e a ASociación de Pais, Profesionais e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual "Special Olympics Galicia", que supón unha achega municipal de 3.500 euros. Ademais, deuse conta da sinatura doutros dous acordos, co Padroado da Casa da Troia, por 3.600 euros, e coa Federación Galega de Baloncesto, por 10.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: