EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Homenaxe ao matemático e xeógrafo Domingo Fontán polo Día da Ciencia

08/10/2018 O parque das Ciencias acolleu esta mañá un acto de homenaxe ao xeógrafo, topógrafo e matemático Domingo Fontán, co gallo do Día da Ciencia. O evento foi organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración co Concello de Santiago. Ata alí se achegaron o director da RAGC, Miguel Ángel Río e o edil de Educación, Manuel Dios.

A homenaxe coincide co 230 aniversario do nacemento do humanista, que foi ademais autor do primeiro mapa topográfico galego. Ao acto asistiron os alumnos e alumnas de cuarto da ESO do colexio La Salle e enmárcase nun amplo programa de actividades coas que se busca achegar a figura do científico ao alumnado e veciñanza de Compostela.

Así, o Concello de Santiago colocou unha placa de recordo e homenaxe a Fontán nun dos bancos do parque das Ciencias. Esta placa súmase a outras dez que homenaxean a outros científicos galegos.

Acto académico
Tal e como sinalou o edil de Educación, está previsto que o pazo de San Roque acolla esta tarde un acto académico para seguir lembrando a figura de Fontán e que está organizado tamén pola Real Academia de Galega de Ciencias. O evento inclúe unha semblanza sobre Fontán titulada A obra científica de Domingo Fontán, a cargo do catedrático Francisco Díaz-Fierros.

Miguel Ángel Río explicou que no acto tamén se fará entrega, como dende hai tres anos, do Premio Galicia de Xornalismo Científico, que busca recoñecer o traballo no campo da comunicación científica e da innovación que realizan os e as xornalistas nos medios galegos.

Compartir: