CONVIVENCIA

Os Bombeiros composteláns retiraron máis de 700 niños de velutina entre xaneiro e setembro

04/10/2018 Os Bombeiros de Santiago retiraron 710 niños de velutina entre xaneiro e setembro, 35 máis que no mesmo período de 2017. A actividade concentrouse nos meses de verán, con 591 niños retirados nos meses de xullo, agosto e setembro.

Os Bombeiros retiraron 131 niños de velutina en xullo, dos que 71 foron en zona urbana e 60 en zona rural; 239 niños en agosto, 132 en ámbito urbano e 107 no rural; e 221 niños en setembro, dos que 110 estaban en zona urbana e 111 no rural. O ano pasado, os bombeiros retiraran 203 niños en xullo, 150 en agosto e 123 en setembro.

O ano 2017 pechárase con 971 niños de velutina retirados, fronte aos 163 de 2016 e os tres niños de velutina retirados en 2015.

A velutina é unha avespa de orixe asiática, que apareceu por primeira vez en España no ano 2010, en concreto en Navarra. Dende aí, a súa presenza foise estendendo por toda a cornixa cantábrica. Para a poboación humana non supón máis perigo que a avespa autóctona, pero si ocasiona graves danos pola súa capacidade depredadora cara a outros insectos autóctonos, fundamentalmente as colonias de abellas. A súa presenza tamén supón importantes prexuízos para as producións froitícolas.

Compartir: