CULTURA

A batuta de Juanjo Mena e o violoncello de Pieter Wispelwey chegan a Santiago para acompañar á Real Filharmonía

23/01/2007 O 25 de xaneiro, aqueles que se acheguen ao Auditorio de Galicia poderán gozar da mestría de Pieter Wispelwey, unha lenda viva no mundo do violoncello, na interpretación dun concerto de Saint-Saëns. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Juanjo Mena, acompañará a Wispelwey nun programa que se completará con obras de Beethoven e Haydn.

Natural de Holanda, Pieter Wispelwey toca coa mesma mestría un instrumento barroco ca un moderno, o que lle permite contar cun repertorio que abrangue desde os clásicos do barroco, coma J.S.Bach, até contemporáneos coma Elliot Carter. O seu talento levouno a ser o primeiro violoncellista da historia da música en recibir o prestixioso Netherlands Music Prize en 1992

Wispelwey mantén unha activa carreira de solista e recitalista, con actuacións en importantes escenarios dos cinco continentes, coma o Concertgebouw de Amsterdam, o Wigmore Hall de Londres, o Chatelet de París, o Sydney Opera House, o Lincoln Centre de New York ou o Festival de Edimburgo.

Conta ademais cunha ampla discografía, con máis de 20 gravacións, seis das cales teñen recibido premios internacionais.

Juanjo Mena

Pola súa parteJuanjo Mena é un dos directores máis reputados do panorama musical español e de crecente proxección internacional. Como tal ten dirixido numerosas orquestras, entre elas a RFG en anteriores ocasións.

O actual director titular da Orquesta Sinfónica de Bilbao ten elevado a calidade artística da agrupación vasca, sendo requirida a súa presenza en cada vez máis teatros e festivais, dentro e fora das nosas fronteiras. Mena foi tamén o encargado de formar a Joven Orquesta de Euskal Herria.

O programa xirará en torno ao "Concerto para cello nº1" de Saint-Saëns. Abrirá o concerto a "Música para un ballet cabaleiresco", unha das primeiras composicións dun xoven Beethoven, e pecharase coa "Sinfonía nº 44" de Haydn, coñecida como "Trauer", que o compositor solicitou que soase no seu funeral.

Compartir: