EDUCACIÓN

Os premios "Educacompostela" chegan á súa quinta edición

23/01/2007 Os premios "Educacompostela" chegan á súa quinta edición, na busca de recursos educativos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica. Haberá premios de 1.200, 900 e 600 euros para os tres mellores traballos.

Do 28 de marzo ao 30 de xuño poderán presentarse na Concellaría de Educación e Mocidade estes materiais didácticos orixinais, dirixidos aos diferentes niveis de ensino. Poderán tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou esta nova convocatoria, acompañada de Xesús Rodríguez, da Nova Escola Galega, co-organizadora do certame. Este destacou que os premios "axudan a difundir estas experiencias para que se convertan en recursos educativos útiles".

Nova publicación

Neste mesmo eido da elaboración de contidos didácticos para o ensino sitúase a edición do libro "A elaboración e adaptación dos materiais curriculares". Trátase "dunha das poucas obras feitas en Galicia sobre esta materia", apuntou Xesús Rodríguez.

A obra contén os traballos dun amplo grupo de profesionais e, como sinalou o representante da Nova Escola Galega, xurdiu "pola necesidade manifestada polos propios profesores galegos" respecto a este tema.

Compartir: