EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Nace o Proxecto Melibea, de educación afectivo-sexual nas escolas

28/09/2018 O edil de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta esta mañá do Proxecto Melibea, de educación afectivo-sexual nas escolas, que se implantará este curso e que está dirixido a nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria. Na rolda estivo acompañado pola psicóloga e sexóloga Beatriz Viñal.

O principal obxectivo é fomentar unha sexualidade positiva, sa, que non estea reducida a unha mera prevención de riscos ou asociándoa con relacións sexuais exclusivamente xenitais ou coitais, senón unha sexualidade e unha erótica máis globais. Os centros que o desexen poden anotarse contactando co departamento de Educación e Cidadanía. Tal e como indicou o edil Manuel Dios, "con este proxecto de curso enteiro damos resposta a unha vella demanda da comunidade educativa para fomentar unha educación sexual integral e respectuosa nos centros escolares". O fin pasa por evitar que os nenos e nenas busquen referencias erróneas sobre o que é a súa sexualidade e non a enfoquen só dende un punto de vista de prevención de ETS ou embarazos non desexados.

A realidade é que os contidos de educación afectivo sexual nos centros educativos responden ó criterio do persoal docente, dependen de que queiran impartilos ou non. Actualmente é preciso formar o profesorado, así coma dispoñer dun maior rango horario para impartir estes contidos (aínda que sexa dentro doutras materias que si figuran dentro do currículo). Este proxecto quere evitar a imposición dun único modelo de sexualidade e camiñar cara un cambio metodolóxico en xeral. "As novas xeracións -indicou Beatriz Viñal- continúan a reproducir patróns, a sufrir abusos, e a non gozar da súa sexualidade, de tal xeito que con Melibea se traballará na autoestima, no autocoñecemento e na erótica".

Tres liñas de acción
O proxecto traballará sobre tres liñas principais: alumnado, profesorado e familias. Así, os alumnos e alumnas recibirán oito horas ao mes de educación sexual, as familias dúas horas ao mes e o profesorado unha hora ao mes. "É importante que os profesores e profesoras revisen os propios coñecementos sobre sexualidade e conten cos materiais precisos para estas clases", indicou Beatriz Viñal.

Desta maneira, a alumna ou alumno percibirá unha conexión entre o aprendido nas aulas ou no centro sociocultural e o contexto máis próximo. Estas reunións realizaranse nos centros educativos de referencia ou nun espazo amplo onde poder establecer un ambiente cómodo e amable para as persoas asistentes. O Proxecto Melibea ten unha proxección a longo prazo. A idea é poder traballar cos mesmos grupos ao longo dos diferentes cursos de toda a etapa educativa, así coma coas familias e profesorado.

Compartir: