DEPORTE

Compostela acolle o 7 de outubro unha nova edición da camiñada solidaria ao Pedroso

27/09/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do presidente da sección de montaña do Club Deportivo Fontiñas, Iñaki Bilbao, e da coordinadora de Unicef Comité Galicia, Irene Marín, deu conta hoxe dos detalles da edición número XVII da Camiñada ao Pedroso, que terá lugar o vindeiro domingo 7 de outubro ás 10:00 horas. Un ano máis, o recadado irá para Unicef.

Tal e como explicou Noa Morales, "esta andaina recolle dous dos rasgos definitorios da nosa cidade, como son a práctica de deporte san e a solidariedade, así que non pode ser un mellor motivo para participar nunha andaina que este que nos ocupa hoxe". Trátase, polo tanto, dunha camiñada solidaria a prol de Unicef, que se iniciará na praza do Obradoiro e percorrerá un tramo urbano pasando pola rúa do Franco, Alameda, Campus Sur e Carballeira de San Lourenzo. Alí collerase o Sarela río arriba, pasando por Santa Isabel a través do paseo aberto polo Concello, e polo Muíño do Lermo ata a antiga curtidoría, esta última rehabilitada como centro de formación. Dende aí, iniciarase a subida pola aldea de Montes e por diferentes camiños ata o cumio. Tras repoñer forzas, a andaina rematará na Granxa do Xesto

É recomendable levar unha botella ou cantimplora cun pouco de líquido e algo de comida, xa que está previsto que a andaina teña unha duración aproximada de tres horas. Para aqueles que poidan ter problemas e queiran abandonar ou acortar o percorrido, os puntos de acceso para coches son Santa Isabel, Muíño do Lermo e Curtidoría.

O prazo de inscrición está aberto ata o venres 5 de outubro na sede de Unicef Comité Galicia en Santiago de Compostela (rúa de Galeras 13, 2º oficina 5) e o propio dia da camiñada na praza do Obradoiro. O prezo é de 5 euros e os menores de idade deberán ir acompañados.

Todos aqueles que desexen colaborar pero non poidan acudir poden facer a súa inscrición fila cero, nos lugares indicados anteriormente, ou facendo un donativo na conta de Unicef: Abanca 2080 5355 61 3040039021. Todos os fondos recadados destinaranse aos programas de Unicef en Níxer.

Máis información nos teléfonos 913 788 604 (Unicef) e 981 577 928 (Club Deportivo Fontiñas).

Compartir: