MOBILIDADE

Os vehículos eléctricos, protagonistas dunha nova xornada da Semana Europea da Mobilidade

27/09/2018 Este xoves celébrase o Día da Mobilidade Eléctrica, dentro da Semana Europea da Mobilidade. A Alameda acolle ao longo de toda a xornada unha exposición de vehículos eléctricos, na que participaron diferentes empresas e concesionarios da cidade. O concelleiro Jorge Duarte visitou a mostra e reiterou "o compromiso do Goberno de incorporar este tipo de vehículos á flota municipal, apostando pola redución de emisións contaminantes".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade insistiu en que "é necesario apostar por novos modelos de mobilidade, máis sustentables". Jorge Duarte recoñeceu que "a implantación dos vehículos eléctricos vai máis lenta do desexable, malia a que a súa autonomía fainos perfectos para o desprazamento por cidade, e por iso é preciso que as administracións adopten medidas que animen aos consumidores á compra". Nesa liña, avanzou que "ademais de crear novas prazas de aparcamento para vehículos eléctricos en Belvís, estamos estudando a posibilidade de que estes coches non teñan que pagar por estacionar en zona ORA".

Máis actividades
O programa da Semana Europea da Mobilidade continuará mañá venres, co roteiro a pé "A Compostela das Mulleres", que sairá da praza 8 de Marzo ás 20:00 horas. O programa aínda inclúe algunhas actividades na próxima semana. Así, o xoves 4 celebrarse unha nova charla-debate sobre "o urbanismo dende a perspectiva feminista", coa arquitecta María Novas. Será na Casa das Mulleres Xohana Torres, a partir das 19:30 horas. No mesmo espazo e á mesma hora, o martes 9, está prevista unha charla da concelleira de Igualdade, Marta Lois, sobre "Mulleres e mobilidade".

A Semana da Mobilidade pecharase o mércores 10 coa proxección da película O Cairo, 678. A cita é no Museo das Peregrinacións da praza das Praterías, ás 20:00 horas.

Compartir: