MOCIDADE

Comeza o curso de formación "Voluntarios no audiovisual", un dos proxectos elixidos pola mocidade compostelá

26/09/2018 O vindeiro venres 21 de setembro dará comezo, no Museo do Pobo Galego, o curso de formación Voluntarios no audiovisual. Terá un total de 30 horas de duración (18 de formación e 12 de traballo co guieiro realizado), e estenderase ao longo dos meses de setembro e outubro.

"Esta actividade -segundo explicou a concelleira de Mocidade, Noa Morales- está destinada á mocidade de Santiago de entre 16 e 35 anos, que pode anotarse na actividade de maneira totalmente gratuíta enviando un correo electrónico á dirección voluntariosnoaudiovisual@gmail.com". Xunto á edila, estiveron na rolda de prensa dúas das promotoras da iniciativa, Alicia Tizón e Cristela Torres.

O curso está dividido en tres bloques. O primeiro está conformado por tres clases teóricas impartidas por profesionais do sector: unha sobre o funcionamento e as normativas sobre as rodaxes en Compostela, dirixida por Dimas González, comisionado fílmico do Concello; outra sobre a relación entre a cidade e o audiovisual, a cargo do integrante do Cineclub de Compostela, Julio Vilariño; e unha derradeira sobre a loxística das rodaxes, impartida por Miriam Devesa, que ten traballado na área de produción en filmes como Fariña, El desconocido ou Celda 211.

O segundo bloque compóñeno tres rutas polos espazos da cidade retratados no cine. A primeira recupera as rodaxes de películas dramáticas que tiveron lugar ao longo da historia da cidade; a segunda aborda as películas de terror e thrillers; e a última as comedias rodadas en Santiago, poñendo en valor a historia do audiovisual compostelán.

O terceiro bloque do curso centrarase no funcionamento dos festivais audiovisuais da cidade e a súa relevancia social e económica, para o que se levará a cabo unha mesa redonda na que estarán presentes representantes dalgúns dos principais festivais composteláns.

Obxectivos
Voluntarios no audiovisual nace coa vontade de formar á mocidade compostelá na loxística do audiovisual e nas claves que articulan este sector na cidade. Así, o curso busca ser unha introdución ao audiovisual para a mocidade, fomentando que a mesma empregue as ferramentas que o medio lle facilita para expresarse e representarse, construíndo desta forma unha cidadanía crítica.

Proponse tamén a creación, co concurso da mocidade compostelá, dunha rede de voluntarios de rodaxes e loxística audiovisuais. A rede prestaría apoios creando roteiros abertos e participativos ao redor das rodaxes históricas na cidade, na loxística das rodaxes (en concerto co Concello), e na concienciación das normas e dos proveitos que a cidade pode tirar do motor audiovisual. Todo encamiñado a promover ideas novas para fomentar o audiovisual na cidade.

Programa
- Venres 21 de setembro, 18:00 – 18:30 h. As rodaxes en Compostela: organización e normativas, con Dimas González.
- Sábado 22 de setembro, 10:00 – 14:00 h. Ruta de Drama, con Alicia Tizón.
- Venres 28 de setembro, 17:00 – 18:30 h. A cidade como espazo audiovisual posible, con Julio Vilariño.
- Sábado 29 de setembro, 10:00 – 14:00 h. Ruta de Terror/Thriller, con Cristela Torres.
- Xoves 18 de outubro, 17:00 – 18:30 h. A loxística da rodaxe, con Miriam Devesa.
- Venres 19 de outubro, 10:00 – 14:00 h. Ruta de Comedia, con Alina Martínez.
- Xoves 25 de outubro, 19:00 – 21:00 h. Mesa redonda: Festivais audiovisuais, presentada por Comba Campoi (Tintimán).

Direccións relacionadas



Compartir: