FACENDA

Aberta a fase de votación dos Orzamentos Participativos 2019 cun total de 136 propostas

26/09/2018 Rematado o proceso de avaliación técnica por parte dos distintos departamentos do Concello, este martes 25 de setembro pola tarde abriuse o proceso de votación coas 136 propostas que pasaron o filtro técnico. Tal e como explicou a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, en rolda de prensa, "as propostas que se desbotaron ou ben non eran competencia municipal, ou ben superaban o orzamento dispoñible ou non eran propostas de investimentos". A Mesa de Propostas, reunida hai uns días, ponderou as propostas segundo os criterios de puntuación recollidos no Regulamento.

O importe total dos orzamentos participativos, 1,5 millóns de euros, repártese entre investimentos e actividades. Este ano destínanse 400.000 € ao municipio no seu conxunto ou a propostas que afecten a máis dunha zona da cidade; 450.000 € ás parroquias do rural e 225.000 €, respectivamente, a dúas zonas da cidade: a área leste (San Roque, Bonaval, San Pedro, Concheiros, A Almáciga, A Salle, Tras Santa Clara, Home Santo, Belvís, Seminario Menor, A Trisca e avenida de Lugo) e a área noroeste (Galeras, Carme, Casas Novas, Santa Isabel, Salvadas, Vista Alegre, O Avío, San Lourenzo, Pombal, Pelamios, Xoán XXIII, A Estila, O Romaño e A Peregrina).

Os restantes 200.000 € destínanse a partes iguais, dunha parte, a actividades dirixidas á mocidade e, doutra, a actividades a celebrar nas festas do Apóstolo do próximo ano.

Propostas
Na área que engloba todo o municipio destacan propostas relacionadas coa mobilidade, o medio ambiente ou o benestar animal. Na área Leste, a veciñanza propuxo investimentos relacionados coa accesibilidade, o saneamento ou a humanización de espazos públicos. Para a área Noroeste atopamos propostas de mellora da contorna natural ou de parques biosaudables, entre outras.

No caso do rural, as propostas céntranse en arranxos viarios e novas beirarrúas, mellora do abastecemento e do saneamento, novos parques para maiores e crianzas, acondicionamentos e ampliacións de equipamentos e instalacións de diversa índole. Tamén hai propostas de adquisición de equipos informáticos.

Finalmente, tanto no caso de mocidade como no das festas do Apóstolo presentáronse propostas similares ás doutras edicións: actividades de fomento da igualdade, formación en consumo responsable, actividades con cans, cinema ao aire libre, concertos e festivais...

Pódense consultar polo miúdo as 136 propostas finalistas na web decide.santiagodecompostela.gal, se ben cada persoa poderá votar só naquelas áreas ás que pertenza, ben por estar censada nun área determinada do municipio, ben por idade.

A votación
Lembramos que, como nas fases anteriores, poden votar aquelas persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas en Compostela (no caso das propostas municipais e festas do Apóstolo) ou en cada un dos barrios que este ano participan no proceso (no caso das zonas Noroeste, Leste e Rural). Ademais, calquera mozo ou moza de entre 16 e 35 anos pode votar as propostas da área de mocidade, estea ou non empadroado en Compostela (deberá, iso si, acreditar vínculo co municipio).

Existen dúas posibilidades de votación: telemática a través da web ou nos puntos de votación de cada área, que contarán co apoio do equipo técnico:

- Municipal: Luns 1 de outubro na Casa das Asociacións de Cornes.
- Apóstolo e Mocidade: Mércores 3 de outubro na Casa das Asociacións de Cornes.
- Zona Leste: Xoves 4 de outubro no Centro Xove da Almáciga.
- Zona Noroeste: Luns 8 de outubro no Local Social de San Lourenzo.
- Rural: Mércores 10 de outubro na Casa das Asociacións de Cornes.

A maiores, habilitaranse puntos de votación para aquelas as asociacións veciñais que o solicitaron. Tamén se habilitarán dous espazos de rúa: o venres 5 de outubro na praza Roxa e o xoves 11 de outubro na praza de Cervantes, entre as 17:00 e as 20:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: