DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

José Luís Cordeiro e David Aguilar, na cuarta edición da Maker Faire Galicia

26/09/2018 O transhumanista José Luís Cordeiro e o inventor da prótese Lego, David Aguilar, participarán na cuarta edición da Maker Faire Galicia, a maior feira de inventores do mundo, que este ano terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela os días 23, 24 e 25 de novembro.

En novembro volve a Maker Faire Galicia, unhas das Maker Faire máis importantes a nivel europeo e punto de encontro por excelencia da Galicia máis innovadora e colaborativa. A edición deste ano volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acollerá tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese.

Pensada para tódolos públicos e disciplinas, a feira reúne nunha soa fin de semana ás creadoras e creadores máis innovadores tanto da Comunidade como de fóra, incluíndo este ano a presenza de expositores e relatores de referencia a nivel internacional, coma o xa anunciado Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ao que agora se lle suma o anuncio do venezolano José Luís Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Thechnology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas, nas que afirma que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán capaces de deter o envellecemento e incluso a morte nun promedio de 30 anos vista.

Ademais, tamén destaca a presenza do andorrano de apenas 18 anos David Aguilar, exemplo de autosuperación e creatividade, coñecido internacionalmente por ser quen de construírse un brazo protésico articulado con pezas Lego, grazas ao cal conseguiu recuperar a mobilidade da súa man.

Un dos principais obxectivos da Maker Faire Galicia é a transmisión de coñecemento entre as diferentes xeracións. De aí que ofreza un amplo programa no que, ademais das charlas, haberá numerosas actividades e obradoiros orientados a tódolos públicos.

Dende a organización avisan que o prazo de inscrición de proxectos está a piques de rematar, polo que animan a que todos aqueles "argalleiros" e "argalleiras" que queiran amosar as súas creacións na feira non dubiden en apuntarse. A inscrición realizase de maneira online a través da súa propia web.

Direccións relacionadas



Compartir: