ALCALDÍA

Compostela e Tanabe reforzan a difusión conxunta do Camiño de Santiago e o Kumano Kodo

25/09/2018 O alcalde de Santiago recibiu hoxe a unha delegación da localidade xaponesa de Tanabe, encabezada polo seu alcalde, Mitsutoshi Manago. Os dous comprometéronse a reforzar a colaboración institucional, de cara á promoción conxunta do Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. Dende febreiro de 2015, os/as peregrinos/as que percorren os dous itinerarios reciben o chamado Pasaporte Dual, que xa conseguiron case 1.500 persoas.

O Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, as dúas únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, están irmandadas dende hai vinte anos. En 2014, Santiago e Tanabe asinaron un acordo de colaboración institucional que se plasmou na creación do chamado Pasaporte Dual. Dende entón e ata o pasado mes de agosto, conseguiran esa credencial 1.484 persoas. A maioría, 377, foron xaponeses, pero na lista dos peregrinos duais figuran ata 49 nacionalidades distintas.

O alcalde compostelán, Martiño Noriega, expresou o seu desexo de reforzar a colaboración, que "está a dar os seus froitos, como a chegada cada vez maior de peregrinos e peregrinas xaponeses ao Camiño de Santiago". Nesa liña, o alcalde de Tanabe asegurou que "o número de visitantes españois que ten recibido Tanabe multiplicouse por 20 dende a sinatura do acordo de colaboración con Compostela".

A delegación de Tanabe encabezada polo seu alcalde está en Santiago para participar no sétimo Congreso World Trails Conference, dirixido a usuarios, profesionais e conservadores dos itinerarios máis importantes de todo o mundo. Unha das sesións do congreso, o próximo xoves 27, estará centrada precisamente nos acordos de colaboración que manteñen o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano dende o seu irmandamento hai xa vinte anos. No transcurso do Congreso presentarase un novo vídeo promocional do Pasaporte Dual.

Compartir: