MOBILIDADE

Compostela celebra a Semana da Mobilidade dende a óptica feminista e coa intención de fomentar o uso da bicicleta

19/09/2018 Santiago vai celebrar a Semana Europea da Mobilidade do 21 de setembro ao 10 de outubro, cunha programación na que terán protagonismo as mulleres, e coa que se quere fomentar o uso dos modos brandos de transporte. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presentou hoxe as actividades, coorganizadas con entidades como Composcleta, Greenpeace e Cogami.

O edil explicou que o programa "pretende ser educativo e reivindicativo, incidindo nos obxectivos nos que vimos traballando dende o Goberno local para reducir a presión do vehículo privado na cidade". O lema deste ano é "Combina, móvete, empodérate!".

A bicicleta, protagonista
Un dos obxectivos da Semana da Mobilidade é fomentar o uso dos modos brandos de transporte, "un dos acordos do Pacto pola Mobilidade, e un dos obxectivos cos que ven traballando o Goberno local". Nesa liña, Jorge Duarte lembrou as iniciativas que se veñen desenvolvendo nos últimos meses para facilitar o uso da bicicleta en Compostela, "primeiro coa creación das plataformas de espera avanzadas nos semáforos do Ensanche, despois coa sinalización do límite de velocidade a 30 quilómetros por hora e da preferencia das bicicletas, e nestes días coa instalación de aparcabicis nunha trintena de rúas". As actividades están coorganizadas con Composcleta. O seu presidente, Faustino Gómez, explicou que "o vehículo privado non é unha solución de mobilidade en ningunha cidade do mundo. Non hai espazo para tantos coches, que provocan tamén danos no medio ambiente e na saúde das persoas".

A primeira actividade da Semana da Mobilidade será precisamente un taller de ciclismo urbano, o próximo venres no Centro Cívico de Conxo. O presidente de Composcleta explicou que o obxectivo deste obradoiro é "explicar as pautas para circular con maior seguridade en bicicleta, porque a sensación de risco é o que desanima a moitas persoas para movérense en bici por espazos urbanos". Para iso, haberá unha parte teórica, un circuíto pechado para reforzar habilidades, e unha práctica de circulación real polas rúas de Compostela. A actividade comezará ás 19:00 horas.

Xa o domingo celebrarase o Día da Bicicleta. A actividade terá o seu epicentro na avenida de Xoán Carlos I e na Alameda, onde haberá unha xincana, xogos para nenos e nenas e música ao vivo con Trópico de Grelos dende as dez da mañá ata as dúas da tarde. Ás 12:30 h comezará a pedalada urbana, con saída dende a mesma rúa e cun percorrido que irá ata o centro comercial das Cancelas, para volver polo Ensanche e regresar a Xoán Carlos I. Para participar é recomendable inscribirse na web www.composcleta.org.

Mobilidade eléctrica e accesibilidade
Ao igual que o Día da Bicicleta, outra das actividades xa consolidadas na Semana da Mobilidade é o "Parking Day", organizado en colaboración con Greenpeace. Será o sábado 22 de setembro, na rúa de Doutor Teixeiro. Jorge Duarte explicou que esta actividade "trata de mostrar que as cidades gañarían moito espazo para as persoas se non fora preciso destinar as rúas á circulación e depósito de vehículos". De feito, apuntou o concelleiro, "máis do 60% do espazo das cidades está reservado para os coches".

O martes 25 de setembro, celebrarase o Día da Accesibilidade, en colaboración con Cogami. Por terceiro ano desenvolverase a actividade "Ponte no meu lugar", para "mostrar as dificultadas coas que se atopan a diario as persoas con mobilidade reducida". Jorge Duarte explicou que este ano o percorrido en cadeira de rodas farase no contorno da estación do ferrocarril, para "mostrar que os grandes proxectos, como o que está en marcha para a construción da intermodal, deben ser afrontados sempre dende a óptica de accesibilidade".

Tamén repite na axenda da Semana Europea da Mobilidade a exposición de vehículos eléctricos, no Paseo Central da Alameda. Será o 27 de setembro, e poderase visitar de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Esta mostra enmárcase "no interese do Goberno local polo fomento deste tipo de vehículos, fundamentais para conseguir reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro".

Mobilidade e feminismo
O programa da Semana da Mobilidade foi deseñado dende unha óptica feminista, e por iso haberá varias actividades centradas na muller. Así, celebrarase un ciclo de conferencias na Casa das Mulleres Xohana Torres, para debater sobre a mobilidade e o urbanismo dende a perspectiva feminista. Nelas participarán expertas como Alexia Canto, responsable da Oficina de Mobilidade de Iruña, ou a arquitecta María Novas.

Ademais, o ciclo de cine da Semana da Mobilidade deste ano tratará tamén de mostrar a cidade dende a perspectiva feminista. Están previstas dúas proxeccións no Museo das Peregrinacións: Ovarian Psycos, o 26 de setembro, e O Cairo 678, o 10 de outubro.

Por último, está previsto un roteiro a pé para mostrar a Compostela das mulleres. Será o 28 de setembro dende a praza 8 de Marzo.

Compartir: