ALCALDÍA

Santiago reúne durante tres días a destacados/as investigadores/as en enfermidades neurodexenerativas

19/09/2018 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, asistiu na Facultade de Medicina á inauguración do VI Congreso de Investigación e Innovación en Enfermidades Neurodexenerativas, que estivo presidida pola Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía. Este evento, organizado pola Fundación Reina Sofía, a Fundación CEN (Fundación Centro de Investigación en Enfermidades Neurolóxicas) e CIBERNED (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Neurodexenerativas), reúne durante tres días en Santiago de Compostela a destacados investigadores nacionais e internacionais para poñer en común os principais avances no tratamento do Alzheimer, do Parkinson ou do Huntington.

María Rozas deu a benvida aos/ás presentes e expresou a satisfación pola elección de Santiago de Compostela como sede deste evento, lembrando o seu carácter de "cidade hospitalaria e acolledora, punto de encontro e final do Camiño". Ademais, animou os/as participantes no Congreso a que "continúen apostando pola investigación neste campo".

Intenso programa
Durante as tres intensas xornadas do Congreso sucederanse os relatorios de referentes mundiais como Harald- Jürgen Hampel (Universidade da Sorbona, Francia), que disertará, na súa lección inaugural, sobre os desenvolvementos na medicina de precisión para a enfermidade de Alzheimer; Michael T. Heneka (Centro de Investigación Médica da Universidade de Bonn, Alemaña), que incidirá na relación entre os aspectos innatos do sistema inmunolóxico e a enfermidade de Alzheimer, e Adriano Chiò (Universidade de Turín, Italia), quen profundará nos avances recentes en investigación da ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica).

Ademais da intervención do director científico de CIBERNED, Jesús Ávila, o Congreso contará con relatores españois de prestixio internacional, entre eles Isabel Fariñas (Universidade de Valencia), cuxa relatorio se centrará nos efectos de determinadas proteínas extracelulares nas células nai); Ángel Carracedo (Universidade de Santiago), cun traballo sobre a procura de xenes involucrados en enfermidades neurodexenerativas, e o catedrático José Luis Labandeira-García (Universidade de Santiago).

Encontro previo coas Asociacións de Alzheimer
Como antesala do Congreso, este martes celebrouse o simposio "A investigación socio-sanitaria na enfermidade de Alzheimer e outras demencias", organizado polo Centro de Referencia Estatal de atención a persoas con enfermidade de Alzheimer e outras demencias do Imserso (CRE Alzheimer) xunto coa Confederación Española de Asociacións de Familiares de Alzheimer ( Ceafa) e co apoio da Fundación Reina Sofía.

Programa cultural contra o Alzheimer
A semana do Alzheimer completarase cunha axenda cultural na que destacan a inauguración tamén este mércores, ás 20:00 horas, na sede da AFundación Obra Social Abanca, da exposición Alzheimer: o Camiño da memoria. A mostra reúne obxectos que pertenceron ao Premio Nobel de Medicina Santiago Ramón e Cajal, xunto con paneis explicativos dos mecanismos cerebrais implicados na enfermidade de Alzheimer. A explicación inclúe, ademais, unha serie de fotografías que ilustran a viaxe de Málaga a Santiago de Compostela do xornalista Antonio Ortín (Diario Sur) e do fotógrafo Alejandro Furtado (Fotografía).

No seu traxecto visitaron as asociacións de familiares que ao longo dos distintos municipios pola que transcorre a ruta traballan no coidado e atención dos enfermos de Alzheimer. A exposición está comisariada por Enrique Viguera, Ana Grande e Antonia Gutiérrez (Universidade de Málaga), Agnès Gruart (Universidade Pablo de Olavide) e Javier Cudeiro (Universidade da Coruña). O xoves 20 de setembro terá lugar, no Parador Hostal dos Reis Católicos, un concerto de música medieval a cargo de Martin Codax. A S.M. a Raíña Dona Sofía asistirá a estes actos.

Direccións relacionadas



Compartir: