ESPAZOS CIDADÁNS

Asinado o convenio de colaboración para a creación do Parque Compostela Rupestre

18/09/2018 Os concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra e a Deputación da Coruña asinaron hoxe o convenio de colaboración que dará luz verde á creación do Parque Compostela Rupestre. O proxecto será financiado polo organismo provincial, con 500.000 euros.

No acto de sinatura de convenio participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, así como representantes dos cinco concellos implicados no proxecto. Así, asinaron o documento o concelleiro compostelán de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte; o alcalde e o tenente de alcalde de Ames, José Miñones e David Santomil; o alcalde de Val do Dubra, Antonio Negreira; a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas; e a concelleira de Cultura e Educación de Teo, Pilar Faxil.

O convenio establece a cooperación entre os cinco concellos, coa participación da Deputación da Coruña, co fin de agrupar os medios materiais e recursos económicos precisos para promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre nas cinco localidades. O convenio ten vixencia por catro anos, prorrogables a outros catro, e a Deputación da Coruña fai para o seu desenvolvemento unha achega económica xa consignada nos orzamentos de 500.000 euros. No prazo de dúas semanas constituirase o primeiro Comité de dirección do proxecto, a través do que se irán asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora do entorno e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación.

O concelleiro Jorge Duarte mostrou o agradecemento do Concello de Santiago á Deputación por "apoiar este proxecto transversal entre os distintos concellos e mostrar a súa capacidade de coordinación para poñer en valor o patrimonio, e que os traballos collan entidade, co fin de ser un referente a nivel cultural para o coñecemento da nos historia"". Ademais, expresou o seu desexo de que o parque rupestre sexa "competitivo a nivel de Estado e turístico, mais tamén coñecido pola veciñanza".

Compartir: