POLÍTICAS SOCIAIS

O CSC de Santa Marta acolle a terceira edición en Santiago do programa Vives Emplea

18/09/2018 Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, visitou hoxe a terceira edición do programa Vives Emplea no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Vives Emplea é un programa de inserción laboral no que as persoas participantes desenvolven o talento e a iniciativa, así como a adquisición de destrezas, competencias e habilidades para aumentar as súas oportunidades de atopar traballo. Baséase na constitución de equipos de 25 persoas que traballan en equipo, aproximadamente durante un semestre, para mellorar as súas competencias para o emprego coa axuda dunha facilitadora que as guía e apoia.

As actividades do programa consisten en sesións grupais (9 horas á semana) e personalizadas, contactos directos con empresas e a participación en eventos de emprego e talleres con responsables de recursos humanos de empresas colaboradoras, que axudan a incrementar as posibilidades laborais de inserción das persoas participantes.

En Compostela, o programa Vives Emplea comezou a funcionar a mediados de 2017, estando activos simultaneamente dous equipos, grazas á financiación do Fondo Social Europeo e á Fundación Bancaria La Caixa e á colaboración do Concello de Santiago, que cede as instalacións para que este proxecto sexa posible e colabora moi activamente coa súa difusión e derivación de participantes a través dos departamentos de Desenvolvemento Local e Servizos Sociais.

A primeira edición en realizouse no CERSIA Empresa e a segunda no Centro Sociocultural de Vite. Deste xeito, achégase este servizo á poboación dos distintos barrios de Compostela.

Dende o inicio do proxecto en Santiago participaron un total de 115 persoas, das cales, en xullo de 2018, un 41% tiveron como resultado a súa inserción laboral.
Se consideramos especificamente os resultados obtidos polo equipo do primeiro semestre de 2018 os resultados foron os seguintes:

• Participaron no proxecto 52 persoas.
• A porcentaxe de inserción laboral situouse nun 55,8%, xa que atoparon traballo un total de 29 persoas.

Neste segundo semestre de 2018 desenvolveranse tamén dous equipos, nos que participarán outras 52 persoas.

Está previsto que este proxecto teña continuidade ata 2023, polo que as persoas interesadas poden inscribirse contactando con Aida Pérez ou Sonia Gómez por correo, aperezsalga-do@accioncontraelhambre.org ou sgomezerias@accioncontraelhambre.org, ou nos teléfonos 681 010 273 e 680 940 993.

Vives Emplea e Acción contra el Hambre
Acción contra el Hambre desenvolve en Galicia o programa Vives Emplea dende 2016. 335 persoas participaron en Galicia dende ese ano e ata xullo de 2018 neste programa, cunha porcentaxe de inserción do 67%. Concretamente, das 335 persoas participantes, 153 (o 47,5%) atoparon traballo, e 65 (aproximadamente o 20%) foron de inserción formativa, é dicir, cursaron ou están cursando algunha formación encamiñada a mellorar as posibilidades de inserción no mercado laboral.

A finais de 2018 estimase que teñan participado no programa máis de 460 persoas en Galicia. Este ano, o programa está en marcha en Santiago, Teo, A Coruña e Vilagarcía de Arousa.

Acción contra el Hambre é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame.

Compartir: