ALCALDÍA

O VI Congreso de Investigación e Innovación en Enfermidades Neurodexenerativas reunirá en Santiago máis dun centenar de expertos internacionais

14/09/2018 Coincidindo coa semana en que se celebra o Día Mundial do Alzheimer, S.M. a Raíña Dona Sofía presidirá este 19 de setembro en Santiago de Compostela a apertura do VI Congreso de Investigación e Innovación en Enfermidades Neurodexenerativas – CIIIEN, que durante tres intensas xornadas de relatorios e intercambios de coñecementos reunirá máis dun centenar de expertos internacionais. O Congreso celebrarase na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, cuxo auditorio acollerá o acto inaugural e as sesións plenarias.

Organizado pola Fundación Reina Sofía, Fundación CEN (Fundación Centro de Investigación en Enfermidades Neurolóxicas) e CIBERNED (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Neurodexenerativas), o VI Congreso CIIIEN é un foro de intercambio sobre os principais avances na investigación e tratamento do Alzheimer, Parkinson, Huntington e outras enfermidades neurodexenerativas. Este encontro conta coa colaboración do Concello de Santiago.

Expertos internacionais
Entre os relatores cóntanse referentes mundiais como Harald-Jürgen Hampel (Universidade da Sorbona, Francia), que disertará, na súa lección inaugural, sobre os desenvolvementos na medicina de precisión para a enfermidade de Alzheimer; Michael T. Heneka (Centro de Investigación Médica da Universidade de Bonn, Alemaña), que incidirá na relación entre os aspectos innatos do sistema inmunolóxico e a enfermidade de Alzheimer, e Adriano Chiò (Universidade de Turín, Italia), quen profundará nos avances recentes sobre a ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica).

Ademais da intervención do director científico de CIBERNED, Jesús Ávila, o Congreso contará con relatores españois de prestixio internacional, entre eles Isabel Fariñas (Universidade de Valencia), cuxa relatorio se centrará nos efectos de determinadas proteínas extracelulares nas células nai; Ángel Carracedo (Universidade de Santiago de Compostela), cun traballo sobre a procura de xenes involucrados en enfermidades neurodexenerativas, e o catedrático José Luis Labandeira-García (Universidade de Santiago de Compostela).

Encontro previo coas Asociacións de Alzheimer
Como antesala do Congreso, o martes 18 celebrarase, tamén na Facultade de Medicina da USC, o simposio "A investigación socio-sanitaria na enfermidade de Alzheimer e outras demencias", organizado polo Centro de Referencia Estatal de atención a persoas con enfermidade de Alzheimer e outras demencias do Imserso-CRE Alzheimer, xunto coa Confederación Española de Asociacións de Familiares de Alzheimer-Ceafa, e co apoio da Fundación Reina Sofía.

Programa cultural contra o Alzheimer
A semana do Alzheimer completarase cunha axenda cultural na que destacan a inauguración o mércores 19 de setembro, na sede da AFundación Obra Social Abanca, da exposición "Alzheimer: O Camiño da memoria". A mostra reúne obxectos que pertenceron ao Premio Nobel de Medicina Santiago Ramón e Cajal, xunto con paneis explicativos dos mecanismos cerebrais implicados na enfermidade de Alzheimer. A exposición inclúe, ademais, unha serie de fotografías que ilustran a viaxe de Málaga a Santiago de Compostela do xornalista Antonio Ortín (Diario Sur) e o fotógrafo Alejandro Furtado (Fotografía). O xoves 20 de setembro terá lugar, no Parador Hostal Reies Católicos, un concerto de música medieval a cargo de Martin Codax. S.M. a Raíña Dona Sofía asistirá a estes actos culturais.

Compartir: