EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Inaugurado o Congreso Internacional de Altas Capacidades que se celebra en España

14/09/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu á inauguración do I Congreso Internacional Noroeste de Altas Capacidades, que se celebra en Compostela do 14 ao 16 de setembro.

Na súa intervención, Manuel Dios indicou que "a nosa cidade continúa posicionándose como un dos destinos preferidos para a organización e celebración de congresos, o que permite continuar na senda da desestacionalización turística". O concelleiro tamén fixo mención "ao altísimo nivel deste Congreso, que reúne a preto de 350 persoas expertas e prestixiadas no ámbito das altas capacidades como Joseph Renzulli e Sally Reis".

O Congreso está organizado pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 1995 como lugar de encontro das familias de nenos e nenas con alta capacidade intelectual. A asociación, con sede na Facultade de Psicoloxía de Santiago, pretende, a través de obradoiros de enriquecemento e saídas culturais, estimular as capacidades dos nenos e nenas e proporcionar un ambiente que facilite a convivencia e o desenvolvemento das habilidades sociais. Na actualidade conta con preto de 300 socios/as.

No evento participan dous dos maiores expertos mundiais en Altas Capacidades, Joseph Renzulli e Sally Reis. Joseph S. Renzulli é profesor de Psicoloxía da Educación da Universidade de Connecticut, onde tamén desempeña o cargo de director do National Research Center on the Gifted and Talented. As súa investigación céntrase na identificación e desenvolvemento da creatividade e do talento na xuventude e nos modelos de organización e estratexias curriculares para a mellora total da escola.

Sally Reis é profesora de Psicoloxía da Educación e é autora de máis de 250 artigos, libros e monografías. Ten viaxado a través de Estados Unidos dirixindo obradoiros de traballo e asistencia profesional para múltiples distritos escolares co fin de axudar a enriquecer os seus programas de altas capacidade e tamén de igualdade de xénero.

Segundo a Asociación Española de Superdotados e con Talento para Nenos (AEST), considérase dentro das altas capacidades dous conceptos diferentes que son o talento e a superdotación. Dentro do concepto de talento entran aquelas persoas que destacan nun, dous ou tres dos oito tipos de intelixencia (lingüístico-verbal, lóxico-matemática, espacial, musical, corporal cinestésica, intra persoal, inter persoal e naturalista) descritos polo psicólogo Howard Earl Gardner en 1983.

Non obstante, a OMS define como superdotada a toda persoa que supera un coeficiente intelectual de 130 nun test homologado de intelixencia. No obstante, usando a teoría das intelixencias múltiples de Gardner, pode definirse a persoa superdotada como aquela que amosa percentís altos en todos os tipos de intelixencia. Hai un 2% de persoas superdotadas na poboación, das cales só un 10% sabe que é superdotada.

Compartir: