CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrece este xoves un concerto gratuíto na praza Roxa

12/09/2018 A Real Filharmonía de Galicia ten entre as súas prioridades achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia. Nesta liña, a RFG iniciou este mércores un ciclo de concertos gratuítos, na súa maioría ao aire libre, en barrios emblemáticos da cidade, todos eles baixo a batuta do xove mestre polaco Jan Wierzba.

Ao longo da semana celebraranse un total de catro actuacións, que terán lugar hoxe mércores na igrexa de Santa María de Conxo; mañá xoves 13 na praza Roxa; o venres 14 en Fontiñas, na praza de Europa (Área Central); e o sábado 15 na praza de Abastos. Cada unha destas citas musicais comezará ás 19:00 horas, agás o concerto do sábado na praza de Abastos, que terá lugar ás 13:00 horas.

Obras moi populares
A Real Filharmonía de Galicia achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa abertura de As vodas de Fígaro, de Mozart (1756-1791), unha das pezas máis destacadas do repertorio operístico, na que se pon de manifesto os privilexios da nobreza en confrontación cos do pobo. De seguido a orquestra tocará a Serenata en mi menor de Edward Elgar (1857-1934), unha das obras favoritas do compositor británico, que lla dedicou á súa esposa con motivo do seu aniversario de voda.

Os asistentes tamén poderán escoitar as Danzas romanesas de Béla Bartók (1881-1945), moi interesado pola música tradicional dos países europeos, recompilándoa e rendéndolle homenaxe nas súas composicións. Nesta obra, cada movemento representa un baile diferente orixinario de Romanía.

Os concertos rematarán con varios fragmentos de O soño dunha noite de verán, de Felix Mendelssohn (1809-1847), que se inspirou na obra de teatro homónima de William Shakespeare. O compositor tivo acceso á obra do dramaturgo inglés aos 17 anos e a esa idade compuxo unha abertura baseada na mesma, logrando un resultado prodixioso. A peza non quedou completada ata 18 anos máis tarde.

A batuta de Jan Wierzba
Natural de Polonia e educado en Oporto, na actualidade o mestre Jan Wierzba destaca como un dos directores máis prometedores en Portugal. Ten dirixido boa parte das orquestras no país luso e tamén no Reino Unido, Holanda, Alemaña, Polonia, República Checa, Estonia ou México. En 2015 foi un dos semifinalistas no Concurso de Dirección de Orquestra Georg Solti en Frankfurt. É director artístico e titular do Ensemble MPMP, da Orquestra Clássica do Centro e da Orquestra de Câmara de Almada, así como director asistente da Orquestra Filharmónica dos Países Baixos. Rematou o Mestrado en Dirección no Royal Northern College of Music e estudou Dirección de Orquestra e Dirección de Ópera en Alemaña.

Compartir: