PATRIMONIO

"Más o menos inquietos", de Daniel Abreu, proposta escénica para Compostela da Noite do Patrimonio

11/09/2018 O sábado 15 de setembro celébrase a Noite do Patrimonio, a gran festa simultánea coa que as 15 cidades Patrimonio da Humanidade conmemorará os 25 anos da creación do Grupo que as ampara. Unha das propostas para esta xornada é o programa Escena Patrimonio, con representacións de danza e teatro contemporáneo en cada unha das cidades. No caso de Santiago de Compostela, a cita é ás 21:00 horas, na praza da Quintana, coa posta en escena de Más o menos inquietos, de Daniel Abreu, Premio Nacional de Danza en 2014.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España conmemora este ano o 25 aniversario da súa creación. Entre os numerosos actos que vén organizando a rede dende xaneiro para celebrar esta efeméride destaca a Noite do Patrimonio, un evento inédito en España que terá lugar o sábado 15 de setembro de maneira simultánea nas 15 cidades que integran o Grupo: Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia, Toledo, Córdoba, Cuenca, Alcalá de Henares, Ibiza, San Cristóbal de La Laguna, Mérida, Tarragona, Baeza e Úbeda.

Dentro da programación desta xornada, que contempla a apertura extraordinaria de centos de espazos patrimoniais e a estrea simultánea en todas as cidades da película Labirintos líricos, de Boamistura, destaca a sección Escena Patrimonio, un apartado específico e con identidade propia, no que, a modo de festival de artes escénicas, a danza contemporánea e o teatro serán os protagonistas.

Serán 15 espectáculos, un en cada cidade da rede, que se representarán en prazas, palacios, claustros, patios, xacementos arqueolóxicos, antigas igrexas ou outros espazos culturais significativos do seu rico Patrimonio. A selección das compañías e intérpretes participantes foi realizada pola Comisión de Educación e Cultura do Grupo, formada polos concelleiros e concelleiras desta área, co asesoramento artístico de Lorenzo Pappagallo, que configuraron un programa no que a danza contemporánea, as novas dramaturxias e o teatro xestual serán os protagonistas e dialogarán cos espazos de patrimonio para difundir unha mensaxe estética, social e colectiva para os habitantes e visitantes das 15 cidades.

Danza e teatro contemporáneo, en espazos históricos privilexiados, con acceso gratuíto, que configuran un festival inédito en España que contará cos nomes de Migrants, Carmen Morente, Ballet Flamenco de Andalucía, Teatro Inverso; Annie Pui Ling Lok, Antonio Ruz, Kor’sia, Manuel Liñán, Daniel Doña, Paula Quintana, Daniel Abreu, Sharon Fridman, Humanhood, Cienfuegosdanza e Janet Novas.

Semana do Patrimonio Invisible
A Noite do Patrimonio enmárcase tamén dentro da Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa que permitirá redescubrir Santiago a través das visitas guiadas a sete espazos que non forman parte dos circuítos habituais. As actividades serán dende o xoves 13 ata o martes 18 de setembro.

Compartir: