DEPORTE

Santiago convértese de novo en epicentro do deporte do motor coa volta do Rally Botafumeiro

21/08/2018 Despois de catro anos de ausencia, o Rally Botafumeiro regresa ao calendario do deporte do motor en Galicia. A 26ª edición da proba vaise celebrar os próximos días 24 e 25 de agosto, con case 160 participantes. Santiago será o epicentro da competición, con tramos nos municipios veciños de O Pino, Touro, Vila de Cruces, Boqueixón, Vedra, Silleda, Oroso, Teo e A Estrada.

A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou o rally nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente da Escudería Santiago, Eulogio Viñal; o vogal da Escudería, Manuel Ramos, e o piloto Luís Penido.

Noa Morales mostrou a satisfacción do Goberno de Santiago por "poder colaborar no regreso dunha proba que está no imaxinario da veciñanza de Compostela e da súa comarca, que dende o ano 1985 veu presenciando algún dos tramos do rally e animando a grandes pilotos como Manuel e Víctor Senra". A concelleira de Deportes explicou que "Santiago vai ser o epicentro da competición, aínda que os tramos cronometrados discorran por outros moitos municipios". Así, explicou que o recinto feiral de Amio será o espazo para as verificacións técnicas, asistencias e reagrupamentos, e nas súas inmediacións estará o tramo de shakedown previo ao comezo da carreira.

A cerimonia de saída do Rally Botafumeiro celebrarase dende Porta Faxeira na tarde do venres, despois da concentración dos vehículos participantes na Alameda, e o Estadio de San Lázaro acollerá un tramo espectáculo ese mesmo día, a partir das 20:30 horas. A Alameda será tamén o lugar elixido para a entrega de premios, na noite do sábado.

Formato innovador
O Rally Botafumeiro é unha proba puntuable para o Campionato de Galicia de Rally. O vogal da Escudería Santiago explicou que nesta XXVI edición o formato da proba será "máis innovador e duro para os coches, con boa parte dos máis de 300 quilómetros de carreira contra o crono". Manuel Ramos incidiu en que "recuperamos o treito do concello de Vedra que se facía anos atrás no Botafumeiro e incorporamos novidades como un novo treito en Cira". Ademais, o Rally deseñouse para achegarse máis á cidadanía, cun treito espectáculo nas inmediacións do Estadio de San Lázaro.

Éxito de participación
Manuel Ramos mostrou a súa satisfacción "pola boa resposta que tivo a Escudería Santiago dende que asumiu a organización do rally, con 172 coches inscritos só seis horas despois de abrirse o prazo". Finalmente, explicou, serán 158 os coches que tomen a saída, "grazas a que a Federación Galega de Automoción mostrou boa disposición para autorizar que se superaran os 150 coches establecidos, e despois da reorganización da proba".

O vogal da Escudería Santiago fixo tamén un chamamento á responsabilidade do público, para que "elixan lugares elevados e seguros para seguir a proba, para que ao remate do Rally Botafumeiro só teñamos que celebrar o regreso da competición a Santiago".

Direccións relacionadas



Compartir: