ACCIÓN CULTURAL

O parque de Bonaval acolle un ciclo de cine clásico ao aire libre durante tres fins de semana de agosto

09/08/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe do ciclo de cine ao aire libre que se celebrará no parque de Bonaval os días 10, 11, 17, 18, 24 e 25 de agosto. A actividade resultou ser unha das máis votadas no proceso de Orzamentos Participativos do ano pasado na modalidade de festas do Apóstolo e adiouse ao mes de agosto a petición da persoa propoñente.

O ciclo comeza este venres co thriller francés Du rififi chez les hommes, do director Jules Dassin. Logo de cumprir cinco anos de condena, Tony Le Stephanois sae da cadea coa intención de mudar a súa vida, pero atópase con que a súa amante está cun coñecido gánster. Como carece de recursos económicos, non lle queda más remedio que volver á súa vida pasada e xuntarse cos seus vellos colegas. Durante semanas prepara minuciosamente con eles un golpe perfecto: o atraco a unha accesible xoiería de París.

A seguinte película será o sábado 11 de agosto, cando as persoas asistentes poderán ver [em[O inferno do odio, un traballo do xaponés Akira Kurosawa enmarcado dentro do cine negro. Nesta ocasión, a película xira en torno a Gondo (Toshirö Mifune), un directivo dunha importante empresa de zapatos, que recibe a noticia de que o seu fillo foi secuestrado. O rescate esixido é unha gran cantidade de diñeiro, pero Gondo necesítaa para pechar unha negociación que lle dará o control da empresa.

Este programa de cine clásico continúa apostando polos thrillers, desta volta coa proxección o venres 17 de agosto de M, o vampiro de Dusseldorf, unha película do alemán Fritz Lang. Un asasino de nenas ten atemorizada a toda a cidade. A policía búscao frenética e desesperadamente, detendo a calquera persoa minimamente sospeitosa. Pola súa banda, os xefes da hampa, furiosos polas redadas que están a sufrir por culpa do asasino, deciden buscalo eles mesmos.

O sábado 18 de agosto chega unha proposta do norteamericano Billy Wilder, Perdición, que ten como protagonistas a un axente dunha compañía de seguros (Fred MacMurray) e unha clienta (Barbara Stanwick), que traman asasinar ao home desta última para así cobrar un cuantioso e falso seguro de accidentes. Todo se complica cando entra en acción Barton Keyes (Edward G. Robinson), investigador da empresa de seguros.

Laura, de Otto Preminger, é a proposta que achega este ciclo de cine clásico o venres 26 de agosto. Enmarcada tamén no cine negro e no drama, conta a historia do detective Mark MacPherson, que investiga o asasinato de Laura Hunt, que aparece morta no seu apartamento. McPherson elabora un retrato mental da moza a partir das declaracións dos seus achegados. O suxestivo retrato de Laura, que colga da parede do seu apartamento, axúdalle nesta tarefa.

O broche final porao o sábado 27 a película española dos anos 50 Surco, dirixida por José Antonio Nieves Conde. O filme ambiéntase en plena posguerra española e trata sobre unha familia que abandona o campo e emigra a Madrid coa esperanza de mellorar as súas condicións de vida. Porén, a vida na cidade é cruel e está chea de desenganos e penalidades. Manuel, o pai, atopa traballo nunha fundición, pero non pode soportar o ritmo de traballo. Pepe, o fillo maior dedícase a turbios asuntos relacionados co estraperlo. Manolo, o fillo pequeno, atopa traballo como mozo de recados e Tonia, a irmá, comeza a traballar como asistenta.

As películas proxectaranse ás 21:30 horas e, no caso de choiva, trasladaranse ao Teatro Principal.

Compartir: