ALCALDÍA

O Concello condena o acto vandálico sufrido por unha estatua do século XII da Catedral compostelá

06/08/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, achegouse esta mañá á fachada da Catedral da praza de Praterías para comprobar o estado dunha estatua do século XII que, durante a pasada noite, sufriu un acto vandálico. O rexedor acudiu co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; co deán, Segundo Pérez, e co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

Martiño Noriega amosou o rexeitamento e condena do Concello de Santiago ante un acto que supón "falta de civismo e respecto". O alcalde lembrou que Santiago "é unha cidade patrimonio da humanidade, aberta e moi tolerante, pero diante deste tipo de actuacións somos intolerantes", xa que "se nos tocan o patrimonio tócannos a todos e a todas". O rexedor lembrou que durante o verán existe unha maior presenza policial no casco histórico, con incremento de efectivos, pero que neste tipo de actos "é importante mandar unha mensaxe de civismo".

Pola súa banda, Daniel Lorenzo informou que durante a tarde de hoxe quedaría feita a limpeza da estatua usando a técnica láser coa que se traballou no Pórtico da Gloria. Durante a mañá comprobaron o estado da peza varios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e da propia Catedral para valorar o dano ocasionado. O director da Fundación Catedral incidiu na importancia de "concienciar a todo o mundo da preservación do patrimonio".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, cualificou esta acción como unha "barbaridade e atentado cultural" e asegurou que "unha vez que as forzas e corpos de seguridade do Estado localicen á persoa ou persoas responsables se lles aplicará a Lei de Patrimonio, que implica sancións que poden oscilar entre os 6.000 e os 150.000 euros".

Compartir: