ALCALDÍA

Premio para os máis deportivos

17/01/2007 A Delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol entregou os trofeos á deportividade correspondentes á temporadas 2005-2006. Os clubs Santiago de Compostela B, San Pedro B, Villestro e La Salle foron os galardoados nesta ocasión.

Estes premios, que contan coa colaboración do Concello de Santiago, premian aos equipos máis deportivos nas competicións da zona e instituíronse na temporada 2000-2001. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo entregou os galardóns nun acto celebrado en Raxoi, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Portas, e o de Cultura, Nestor Rego.

Na cuarta edición destes premios, os galardoados foron os clubs Santiago de Compostela B, en segunda categoría regional; San Pedro B, en terceira categoría rexional; Villestro, en categoría xuvenil; e La Salle en categoría cadete.

Sánchez Bugallo felicitou aos gañadores e apuntou que "cómpre incentivar a boa práctica deportiva para previr situacións como as que vive o deporte na actualidade". Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, engadiu que estes premios son un xeito de "poñer en valor o que significa a práctica deportiva en canto a convivencia e respeito, tanto aos demais como ás normas" e neste sentido destacou que "o deporte é unha escola fundamental para a sociedade".

A Delegación de Fútbol de Santiago conta cuns 130 clubs e 500 equipos inscritos nas diversas ligas, que supoñen uns 8.000 partidos cada ano. Tamén regula os trofeos da Copa do Sar e os torneos patrocinados polo Concello de Santiago nas diversas categorías.

Compartir: