CONVIVENCIA

Concha Fernández recibe o presidente da asociación Compostela Monumental, José Ángel Blanco

03/08/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández (con competencias ata mediados de agosto en materia de Convivencia), recibiu esta mañá, acompañada do xefe da Policía Local, José Manuel Traba, ao presidente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco.

A xuntanza foi solicitada pola asociación de comerciantes tras algúns incidentes xerados no Toural. A edila explicoulle ao xerente que a maior parte deles "non son provocados por veciños e veciñas da cidade", senón por persoas "transeúntes" que, nunha época de masificación e de moito movemento nos fluxos turísticos, "chegan a través do Camiño de Santiago á cidade e xeran dinámicas que poden afectar á convivencia no casco histórico".

A concelleira lamenta que "este tipo de incidentes puntuais se instrumentalicen politicamente e xeren malestar e medo entre a veciñanza, cando Compostela é unha cidade segura e con boa convivencia". Tamén se lle trasladou ao xerente da asociación que a Policía Local está a traballar de maneira coordinada coa Policía Nacional para garantir a convivencia e seguridade na zona, a pesar da precarización de ambos corpos e á falta de efectivos.

O xerente de Compostela Monumental aproveitou para solicitar unha xuntanza sobre a recente modificación da ordenanza de terrazas ou a aplicación da ordenanza de cartelería.

Compartir: