ALCALDÍA

A Secretaría de Estado de Medio Ambiente empraza ao Goberno local a unha nova xuntanza en setembro para viabilizar a depuradora da Silvouta

03/08/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, mantiveron esta mañá unha xuntanza en Madrid co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que lle trasladaron o proxecto do Goberno local para a construción da nova depuradora na Silvouta.

O alcalde amosou a súa satisfacción tras observar un "cambio de actitude e unha maior receptividade por parte do novo Goberno do Estado para ubicar a futura depuradora nos terreos da actual, cun menor custo e cun menor impacto ambiental". Dende a Secretaría de Estado definiuse a proposta do Goberno local como "moito máis razoable que a do Souto" e indicouse que esta última opción queda descartada tras o rexeitamento do Pleno da Corporación municipal anunciando que non impulsarían a construción da nova EDAR contra o criterio do consistorio. Ademais do rexeitamento da Corporación, tamén se amosaron contrarios á construción da depuradora no Souto a Plataforma para a Defensa do río Sar e o Concello de Ames.

Martiño Noriega lembrou que a situación actual é máis vantaxosa, non só "pola maior receptividade amosada polo novo Goberno do Estado, senón tamén porque xa non existe a ameaza de multa europea sobre a cidade". A Secretaría de Estado emprazou ao Goberno local a manter unha nova xuntanza, de carácter técnico-político, na primeira semana de setembro, para continuar avanzando na construción dunha infraestrutura vital para Santiago.

Menor custo e menor impacto
A proposta do Goberno contempla tres fases diferenciadas para a posta en marcha da nova depuradora, sen afectar ao funcionamento da actual. Na primeira etapa construiríase unha planta biolóxica que trataría a metade da auga residual que chega á EDAR en tempo seco, cunha superficie estimada de 1.500 metros cadrados e cunha capacidade de depuración idéntica á da actual depuradora. A instalación podería localizarse nuns terreos que forman parte da finca da actual EDAR, pero que quedan fora do seu límite perimetral e do seu valado.

Na segunda fase dos traballos, procederíase a demoler parte da actual EDAR para proceder á construción doutra planta biolóxica, tamén de 1.500 metros cadrados. Con esta parte en funcionamento, a capacidade de depuración sería xa a prevista no anteproxecto do Souto.

Por último, unha vez operativa esa segunda planta, poderíase demoler outra parte da actual EDAR e construiríanse as instalacións do novo tratamento primario e dixestor de lamas, que ocuparían unha superficie duns 500 metros cadrados e que virían a mellorar a capacidade de depuración da infraestrutura.

A tecnoloxía de granulación aerobia de lamas precisa dun único equipo, e permite prescindir das voluminosas unidades de decantación secundarias características dos procesos de lodos activos utilizados na maioría das depuradoras de Galicia. Este aspecto facilita unha ocupación de terreo ata catro veces menor que as das depuradoras tradicionais, unha maior rapidez na construción da infraestrutura, e un aforro económico que podería oscilar entre o 30 e o 50 por cento, sumado ao custo de mantemento, que tamén sería moi inferior aos dos modelos de depuradora analizados ata o de agora.

Compartir: