XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases da convocatoria de axudas para o deporte federado

02/08/2018 A Xunta de Goberno vén de aprobar as bases da convocatoria de subvencións para o deporte federado, ás que se van destinar 250.000 euros.

A través desta liña de axudas, o Concello colabora co gasto que supón para as entidades deportivas locais non profesionais a participación nas ligas, competicións e demais compromisos de carácter federativo. Entre os gastos subvencionables inclúense as licenzas federativas, os gastos por desprazamentos fóra de Santiago, gastos de aloxamento e material deportivo ata 1.500 euros. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude debidamente cuberta no Rexistro Xeral do Concello ou no Auxiliar do Ensanche. Deberán estar asinadas polo secretario/a da entidade e poderán obterse nas oficinas de deportes en San Lázaro ou na web do concello.

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Ampliación do alumeado
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe realizar novas instalacións de luz en diversas zonas da cidade, dentro do contrato de modernización, reformas e ampliacións do alumeado que ten o Concello coa concesionaria do alumeado público (Ferrovial) e que ascende a 150.000 euros. Entre as actuacións aprobadas inclúese a ampliación de instalación en escada da rúa Raxeira, nas Fontiñas, a instalación dun punto de luz no CSC de Santa Marta e a ampliación do alumeado público na senda peonil de San Lázaro e nas parroquias de Berdía e Marrozos.

Tamén se acordou eliminar lámpadas de vapor de mercurio de 125W, dentro da segunda fase de retirada deste tipo de elementos que son prexudiciais para o medio ambiente. Esta actuación supón un investimento de 43.552,59 euros.

Compartir: