DEPORTE

O Concello inviste máis de 200.000 euros na reforma integral do pavillón do Apóstolo Santiago

02/08/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, visitou esta mañá as obras que se están acometendo no pavillón do CEIP Apóstolo Santiago e nas que o Concello inviste 207.777 euros, IVE incluído. Xunto a ela estivo o arquitecto do proxecto, Alfredo Varela.

Este equipamento deportivo atopábase nun estado de total de abandono tras 25 anos en funcionamento e presentaba graves problemas de filtracións de auga que xeraron patoloxías e o deterioro dos elementos. Así, estanse realizando reparacións interiores e exteriores, ademais da construción de novos aseos, dous para o público xeral e outro accesible para persoas con mobilidade reducida. A obra ten unha duración aproximada de catro meses e "decidimos acometela no verán para evitar as molestias durante o curso educativo", tal e como explicou Noa Morales.

Intervencións interiores
Realizáronse obras de saneamento nos vestiarios para xogadores e xogadoras, que inclúe a substitución de parámetros verticais e horizontais, os aparatos sanitarios e a impermeabilización da zona de duchas. O vestiario de árbitros destinarase a ubicar tamén aseos xerais, un feminino, un masculino e outro adaptado.

Na pista de xogo quitouse o muro que separa a pisa das bancadas para mellorar a accesibilidade, repintaranse as liñas de xogo e dotarase do correspondente equipamento deportivo e mobiliario, como canastras de teito de dobre altura (baloncesto e minibasquet), porterías de fútbol sala/balonmán, bancos de suplentes e mesa de árbitros.

Cambiarase a carpintería interior nos vestiarios e nas novas estancias que se crean, ademais de mudar as luminarias en todo o recinto e a substituír o cableado eléctrico en toda a edificación.

Intervencións exteriores
As obras de mellora inclúen tamén a apertura de ocos de ventilación e iluminación nos almacéns e vestiarios, ademais da creación dun novo acceso ao pavillón pola fachada posterior que comunicará cos novos aseos. Tamén se instalará unha marquesiña de protección do frío e da choiva en cada un dos accesos do edificio.

Na cuberta substitúese o lucernario central por un con perfilería autoportante de aluminio e pintaranse as fachadas lateral, frontal e dereita cunha pintura plástica.

Compartir: