FACENDA

As propostas dos Orzamentos Participativos reciben preto de 4.500 apoios

01/08/2018 Durante a segunda fase do proceso de Orzamentos Participativos de 2018, que rematou o pasado 27 de xullo. contabilizáronse 4.447 apoios. Nesta fase, que se estendeu do 11 de xuño ao 27 de xullo, a veciñanza de Compostela puido dar o seu "gústame" ás propostas presentadas na fase inicial, un paso fundamental para que estas poidan chegar, tras a avaliación técnica, á fase final de votación.

Os 4.447 apoios divídense entre as 241 propostas presentadas durante a primeira fase. As propostas de investimento para as zonas do Leste, Noroeste, Municipal e Rural recibiron un total de 3.093 apoios, mentres que as actividades, tanto as destinadas ás festas do Apóstolo como a actividades para a Mocidade, recibiron 1.354 apoios (857 Festas e 497 Mocidade).

O número total de persoas inscritas na plataforma decide.santiagodecompostela.gal é de 4.390. Destas, 812 non tiñan participado nas edicións anteriores. Lembramos que calquera persoa 16 anos cumpridos podía facer propostas, mais para apoiar e, máis adiante, votar, é preciso estar empadroada en Santiago de Compostela (agás no proceso de Mocidade, onde tamén poden votar as persoas estudantes en Santiago de ata 35 anos).

Propostas
Esta fase de validación das propostas presentadas, mediante o apoio maioritariamente telemático, pero tamén presencial, permite ter unha listaxe de 137 propostas (20 por área temática, agás a zona do Noroeste, que rexistrou só 17 propostas, e a área Rural, da que pasarán 40 propostas ao participar en conxunto este ano). Esta listaxe está a ser avaliada agora polo persoal técnico municipal de cara á votación final, que dará comezo o 25 de setembro e se estenderá ata o 14 de outubro.

Entre as propostas máis apoiadas en cada área atópanse, entre outras, as que levan por título "Jams de barrio. Música de proximidade. Concertos para todos/as nos barrios e con talento local" e "Festival rock" para as Festas do Apóstolo; "Actividades con cans. Fomento da educación e tenza responsable" e "Boas noites 2019: Lecer nocturno para a mocidade" para Mocidade; "Parques infantís cubertos e sen area" e "Carril bici" para a área de Cidade; "Parque infantil para Villestro" e "Piscina para a zona de Villestro" para a zona Rural; "Recuperación dos espazos públicos: humanización dos recunchos" e "As rúas son para vivilas: creación de 3 espazos de convivencia" para a zona Leste; e por último, "Traslado/arranxo do Parque Infantil de Vista Alegre" e "Revitalización do río Sarela" para a zona Noroeste.

Avaliación técnica
Ata o 18 de setembro, a Oficina Técnica, conformada por técnicos/as municipais de todos os departamentos do Concello, estudará a viabilidade das propostas con máis apoios e fará unha estimación do custo de cada proposta. Pasarán á fase de votación un máximo de 20 propostas viables por cada proceso, agás para a área de Rural, que contará con 40 propostas.

Se tras a avaliación técnica algunha destas propostas da listaxe resulta inviable tecnicamente, entrará a formar parte da votación final a seguinte máis apoiada, malia que neste momento estea fóra da listaxe.

Cómpre lembrar que as propostas teñen que ser viables tecnicamente, legais e de competencia municipal, e deben ser investimentos nos procesos zonais, e actividades no caso de Mocidade e Festas.

Direccións relacionadas



Compartir: