ALCALDÍA

O alcalde recibirá os/as representantes veciñais con motivo dos fogos de fin de festa do Apóstolo

28/07/2018 Un ano máis e seguindo a aposta do Goberno local de abrir o espazo municipal e os seus actos aos veciños e veciñas, o alcalde, Martiño Noriega, e o resto da Corporación, recibirán este martes no Pazo de Raxoi a membros das asociacións veciñais e do Consello de Relacións Veciñais para presenciar os fogos fin de festa do Apóstolo.

A esta recepción, que terá lugar ás 22:30 horas, están convidados/as dous/dúas integrantes de cada unha das asociacións veciñais de Santiago de Compostela. Serán as propias entidades as que designen os/as seus/súas representantes neste acto. Tamén recibiron convite os/as integrantes actuais do Consello de Relacións Veciñais.

Despois da recepción, todos/as os/as convidados/as poderán presenciar dende a terraza do Pazo de Raxoi os fogos de fin de festa do Apóstolo, que se lanzarán dende o Campus Sur a partir das 23:30 horas.

Este ano 2018 recupérase este acto, despois de que no pasado Apóstolo non puidera realizarse a causa das obras na terraza do Pazo de Raxoi.

Compartir: