ALCALDÍA

Santiago e Padrón, un Apóstolo máis estreitando lazos de irmandade

27/07/2018 As festas do Apóstolo celebraron este venres o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse á Casa do Concello.

Xa no salón nobre de Raxoi, Martiño Noriega lembrou un ano máis os fortes lazos de irmandade que unen os dous municipios e que se citan sempre con motivo das festas, coma o Camiño de Santiago, persoeiros históricos compartidos ou os diversos ámbitos sociais e económicos. A esas relacións aludiu tamén o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, quen en especial se referiu á ruta "As pegadas de Rosalía", na que ambos concellos están traballando.

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.

Compartir: