XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local acorda encomendarlle ao Consorcio o soterramento do cableado aéreo no cruce das rúas da zona histórica

27/07/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe encomendarlle ao Consorcio os traballos de redacción de proxectos e execución dos traballos das canalizacións soterradas, para substituír os pasos aéreos do cableado nos cruces das rúas dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica. A encomenda enmárcase no programa no que está traballando o Concello para substituír o cableado e dotar de fibra óptica á zona monumental.

O alcalde explicou que o obxectivo último da encomenda ao Consorcio "é solucionar unha débeda histórica, que é a de dotar a zona vella de fibra óptica". Martiño Noriega recoñeceu que "esta é unha necesidade que hai que atender, porque nestes tempos non se entende a actividade comercial sen fibra, e esta carencia dificulta tamén fixar poboación na améndoa". O alcalde explicou que se está a traballar con varias operadoras, fundamentalmente con Telefónica, para atender esta necesidade, "e o primeiro paso será un proxecto piloto que agardamos ver executado antes de finais de ano, que lle afectará ao ámbito de San Francisco cara San Martiño Pinario e que permitirá substituír o vello cableado de cobre por fibra". Neste marco, o que se lle encarga ao Consorcio "é que asuma o soterramento da fibra nos cruces das rúas, para evitar o cableado aéreo". Se este piloto funciona ben, apuntou Martiño Noriega, "estariamos listos para desbloquear o programa para o conxunto da cidade histórica".

Unha das principais dificultades para a instalación da fibra óptica na zona histórica é que o Plan Especial impide novo cableado. A solución que se vai probar en San Francisco pasa por mudar os actuais cables de cobre por outros de fibra óptica, e por instalar as caixas de conexión no interior dos edificios.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: