BANDO DA ALCALDÍA

Bando da Alcaldía: "Maruxa e Coralia, bandeira revolucionaria da dignidade"

25/07/2018 O Concello de Santiago quere chamar a toda a veciñanza de Compostela a celebrar o Día Nacional de Galiza e dedicarllo especialmente, neste 2018, á lembranza e homenaxe das irmás Fandiño Ricart. Dúas mulleres que ocupan un lugar central na nosa memoria colectiva, como cidade, por ter confrontado a escuridade da barbarie coa súa luz e cor.

Irmás dunha familia numerosa anarco-sindicalista de Santiago, seus irmáns Manuel, Antonio e Alfonso foron destacados dirixentes e líderes da CNT galega. Os seus anos mozos alimentáronse do clima de animación e esperanza que se vivía no Santiago republicano. Cando as irmás Fandiño saían á rúa a pasear vestidas coa roupa de teas de cores, alegres e vivas coma elas, os estudantes galeguistas e republicanos chamábanlles "liberdade, igualdade e fraternidade".

Maruxa e Coralia foron vítimas do 36 e da ditadura franquista. Coñecidas popularmente como "As Marías" e "As dúas en punto", camiñaban paseando todos os días desde a, súa, rúa de Abaixo ata a Alameda. Todos os días, exercendo a dignidade, naquela Compostela das tebras, do medo e do silencio.

Lembrar os pasados incómodos é un exercicio de saúde democrática. É o noso deber que non fiquen máis tempo ocultos, a memoria democrática é peza chave para conseguirmos construír futuro.

Como Concello e como cidadanía é o noso deber participar desa memoria.
A nación galega que desexamos é cívica, colectivizada e libre. Un país por construír, que quere ser máis xusto, máis democrático, máis bo e xeneroso e máis igualitario. Un país para transformar desde a súa capital, Santiago de Compostela, e para as súas xentes. Tamén desde unha perspectiva libertaria. Tal e como imaxinaron e soñaron na familia Fandiño Ricart. Mulleres e homes que loitaron por unha sociedade mellor e máis xusta.

É o noso deber lembrar a súa memoria, por iso este 25 de xullo de 2018 queremos dedicalo a estas dúas veciñas de Compostela que se atreveron a alzar a bandeira revolucionaria da dignidade. Exercendo ese ben máis prezado que é a liberdade, defendéndoa con fe e valor.

Bandeiras na zona histórica
Co gallo da celebración do 25 de xullo, o Concello de Santiago decidiu engalanar varias rúas da cidade con bandeiras galegas, que se poden ver en zonas tan emblemáticas como a Porta Faxeira, a Porta do Camiño, a praza de Mazarelos ou as rúas da Raíña ou do Franco.

Documentos relacionados



Compartir: