FESTAS

A Quintana acolle unha nova edición do Concerto das Bandas Galegas no Apóstolo

25/07/2018 O Concerto das Bandas Galegas, unha proposta xa consolidada nas festas, será a gran cita da xornada de mañá xoves no Apóstolo. A axenda complétase coa actuación de Jamila Purofilin na praza do Toural e o concerto da Banda Municipal de Música de Santiago nas Praterías, desta vez acompañada pola Gallaecia Big Band.

A praza da Quintana acollerá o Concerto das Bandas Galegas a partir das 22:00 horas. O espectáculo arrancará coa actuación de Atrás Tigre, unha banda de Santiago que mestura sons como o jangle pop, shoegaze e post punk. Ten editados un EP en cassette, Atrás Tigre, e un LP en vinilo, Fainos saír. Tras deles actuará Selvática, un grupo nacido en Rio de Janeiro da man de dous mozos emigrados, con tres discos xa no mercado, o último deles, Seres abisales.

O programa do Concerto das Bandas Galegas continúa coa actuación de Marem Ladson, unha moza de tan só 20 anos, metade ourensá, metade norteamericana, que está considerada unha das máis firmes promesas do panorama musical español. No pasado mes de maio viu a luz o seu primeiro disco, Marem Ladson, moi agardado dende que gañara o ano pasado o concurso de bandas emerxentes do Festival Dcode. O espectáculo da praza da Quintana seguirá co dúo ferrolán Espejos y Diamantes.

O prato forte do Concerto das Bandas Galegas será Cora Novoa, Seeking The Velvet. A artista ourensá leva máis dunha década na industria musical, nas áreas técnica, industrial e creativa, e ven de ser distinguida como Mellor DJ do ano na VI edición dos Premios da Música Electrónica Vicious Adwards. O seu último traballo, Figth Love Faith, no que o pop se abre camiño entre o son electrónico, está editado polo seu propio selo, Seeking The Velvet.

Jamila Purofilin
Na praza do Toural, para mañá está previsto un novo concerto do ciclo Compostela E! Música. Desta vez subirá ao escenario a artista cubana asentada en Santiago Jamila Purofilin, que presentará o seu espectáculo Bolerista en viaje a partir das 23:00 horas. A cantante interpretará cancións propias, lembrando que xusto nun 26 de xullo, en 1953, comezaba a Revolución Cubana. No repertorio tamén incluirá temas tan emblemáticos como "Dos gardenias" ou "Guantanamera".

A outra cita musical da xornada de mañá nas festas do Apóstolo será a actuación da Banda Municipal de Música de Santiago, a partir das 20:00 horas na praza de Praterías. A formación que dirixe Casiano Mouriño estará desta vez acompañada pola Gallaecia Big Band, coas voces de Pati Lesta e Narci Rodríguez. Ademais, mañá teremos novo concerto do ciclo TerraZeando, ás 21:00 horas no Pazo de Amarante, con Alberto & García e Helen & Shanna.

O programa do 26 de xullo inclúe tamén outra cita tradicional do Apóstolo: a celebración do XL Torneo da Chave das Festas do Apóstolo. Será, coma sempre, na Alameda. Ás 20:00 horas deben realizarse as inscricións para o torneo, que arrancará ás 20.30 horas.

Compartir: