FESTAS

Ritmos africanos e o jazz-flamenco de Antonio Lizana, nunha nova xornada das festas do Apóstolo

22/07/2018 A música africana e o jazz-flamenco serán os protagonistas da xornada de mañá luns nas festas do Apóstolo, con cadanseu concerto na praza da Quintana e no Toural. No primeiro dos escenarios actuarán Ogun Afrobeat e Timbila Muzimba, mentres que polo Toural pasará o espectáculo de Antonio Lizana.

O concerto de Ogun Afrobeat e Timbila Muzimba comezará ás dez da noite na praza da Quintana. Coma todas as actividades do Apóstolo, a entrada será de balde.

Ogun Afrobeat é unha banda liderada por Akin Onasany. Este nixeriano asentado en Madrid bebe do legado de Fela Kuti, un dos artistas africanos máis influíntes, considerado creador do xénero "afrobeat" que mestura os ritmos africanos co jazz e o funk. O grupo combina letras en inglés e yoruba, unha das linguas principais de Nixeria. E iso malia que Onasany é o único nixeriano de Ogun Afrobeat, integrado ademais por músicos de Cuba e Italia,

Timbila Muzimba é unha formación máis coñecida en Santiago. Naceu no ano 1997, formada por un grupo de mozos músicos e bailaríns de Maputo, Mozambique. A súa música combina os ritmos tradicionais mozambiqueños con tendencias contemporáneas como o reggae rock, o hip-hop ou o jazz. A formación mantivo unha longa colaboración co galego Narf, que compartiu con Timbila Muzimba o seu último concerto, antes do seu falecemento en 2016.

Antonio Lizana
Na axenda de mañá as festas do Apóstolo tamén destaca o concerto que Antonio Lizana ofrecerá no escenario da praza do Toural a partir das 23:00 horas. O artista granadino presentará o seu novo disco, Oriente, no que mestura o selo flamenco da súa voz co dominio do jazz á hora de tocar o saxo.

No seu concerto en Santiago estará acompañado por Israel Katumba á percusión e Adriano Lozano á guitarra.

Compartir: