IGUALDADE

O Concello habilita un Punto Lila de información e atención sobre violencias machistas durante as festas

20/07/2018 As mulleres que participen nas festas do Apóstolo contarán cun Punto Lila de información e atención sobre as violencias sexuais. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Igualdade, Marta Lois, nunha visita a este espazo, situado na praza do Toural.

A edila sinalou que "se trata dunha iniciativa que se leva a cabo por primeira vez na nosa cidade e que ten fundamentalmente dous obxectivos, dunha banda, sensibilizar e lembrar á cidadanía que nas festas a igualdade e o respecto deben sempre estar garantidos, e doutra, ofrecer información, acompañamento e primeira atención a calquera muller que poida vivir un episodio de violencia machista durante as festas do Apóstolo".

Estará habilitado durante todos os días das festas en horario de 12:00 a 14:00 e dende as 20:00 horas ata as 2 da mañá. A coordinación corre a cargo do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Compostela, co apoio dun equipo de sete psicólogas especialistas en violencia de xénero. Este espazo está orientado a informar e tamén a realizar o acompañamento no caso de que unha muller teña sufrido unha agresión, do tipo que sexa.

Que facer
O Concello de Santiago vén de editar un díptico con información relevante para o caso de que algún veciño ou veciña se atope cunha muller que pide axuda ou poida ter sido vítima dalgunha agresión de tipo sexual.

No escrito recóllense algúns consellos, como achegarse á persoa que puido ser agredida, preguntarlle como se atopa e se precisa axuda. Recoméndase crer sempre o que traslade e non cuestionala nin facer xuízos de valor, ao mesmo tempo que se suxire non deixala soa e crear un espazo de seguridade para ela. No díptico tamén se inclúen consellos como preguntarlle que facer e respectar a súa decisión, axudarlle a contactar con alguén de confianza e chamar á Policía Nacional (091) ou Local (092).

Entre as recomendacións incluídas no escrito está a de adoptar unha actitude activa fronte ás agresións sexistas, o respecto coas diversas identidades e expresións de xénero e a tolerancia cero ante comportamentos machistas. As bromas sexistas, o control ou os celos son acoso.

O Concello de Santiago tamén incluíu no programa das festas unha ducia de consellos para a festa, onde se rexeita calquera tipo de discriminación e se aposta por unha Compostela e un Apóstolo libre de violencias machistas.

Compartir: