FESTAS

Relevantes citas musicais e co traxe galego no primeiro fin de semana do Apóstolo

20/07/2018 A programación das festas do Apóstolo desta fin de semana trae varias citas musicais destacadas, con concertos de Guadi Galego e da Banda Municipal ou o Beat Fest. Ademais, o sábado e o domingo, respectivamente, celebraranse dous dos eventos máis tradicionais das festas, o Día do Traxe Galego e a Festa do Escalo.

O tradicional desfile do Día do Traxe partirá da Alameda mañá sábado ás 12:00 horas e percorrerá a zona histórica, pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías, baixando despois ata o Obradoiro e a igrexa de San Paio de Antealtares. Ao remate do desfile celebrarase unha misa solemne en San Paio de Antealtares, para culminar a mañá cunha recepción no Concello de Santiago.

Xa pola tarde celebrarase o certame de traxes. Como é habitual, as persoas participantes deben congregarse en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas, para que as súas indumentarias sexan analizadas. Despois, ás 19:30 horas, desfilarán dende as portas do Museo do Pobo Galego ata a praza da Quintana, pasando por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar e Praterías. Na Quintana terá lugar a exhibición de traxes e a entrega dos premios do certame. A Asociación do Traxe Galego tamén fará entrega dos seus galardóns anuais ás persoas que teñan destacado na promoción e difusión das nosas indumentarias tradicionais.

A primeira cita musical da xornada será unha sesión vermú a ritmo de blue com Ash Grunwald. Será ás 13:00 horas na praza de Cervantes.

Guadi Galego con De Vacas
Pola noite chegará á praza da Quintana (22:00 horas) Guadi Galego para pechar a súa xira O mundo está parado. Para este concerto especial, a artista contará cunhas convidadas especiais, De Vacas, que se sumarán en varios temas ao seu grupo e aos tríos de ventos e cordas que acompañan a Guadi Galego. Tamén participará no concerto a actriz e contadora Vero Rilo.

Guadi cantará temas do seu novo traballo Bóla de cristal, que aínda non soaron en Compostela. Este disco pecha a triloxía que completan Lúas de outubro e agosto e O mundo está parado, marcando o novo camiño da artista en solitario, no que suca novos territorios musicais xogando co pop, o rock e a música de autor.

O sábado pecharase musicalmente co concerto de João Afonso na praza da Quintana a partir das 23:00 horas. Estará acompañado á voz e á guitarra por Rogério Pires.

Transporte para a Festa do Escalo
Durante a xornada do domingo celebrarase a tradicional Festa do Escalo en Chaián, co seu concurso de ciprínidos, que alcanza xa a XLIV edición. Para que calquera poida asistir, a liña P6 do transporte urbano realizará un servizo especial ata a área recreativa de Chaián. Os autobuses sairán da rúa da Rosa ás 10:00, 12:00, 14:00, 16:00, 18:00, 20:00 e 22:00 horas, e volverán de Chaián ás 10:30, 12:30, 14:30, 16:30, 18:30, 20:30 e 22:30 horas.

A liña realizará as paradas habituais da liña P6 do transporte urbano: rúa da Rosa, Xeneral Pardiñas, praza de Galicia, Ensinanza, Virxe da Cerca, San Roque, Basquiños, Pastoriza, San Caetano e Cruceiro da Coruña, prolongándose dende o polígono do Tambre ata o lugar de Chaián.

Para a tarde está prevista unha nova visita dialogada entre Rosalía e Valle-Inclán, con saída da praza de Santo Agostiño ás 18:00 horas, e un espectáculo de circo e danza na Alameda, ás 19:00 horas na Alameda.

Concerto da Banda polo seu 170 aniversario
Ás 20:00 horas, na praza da Quintana, chega unha das citas da Banda Municipal de Música nestas festas do Apóstolo, cun concerto conmemorativo titulado "170 anos da nosa Banda". A formación estará acompañada polas agrupacións tradicionais de Santiago: Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Ultreia e Colexiata do Sar, ademais da agrupación de Cabezudos. O espectáculo estará presentado por Xurxo Souto. A entrada é libre, previa recollida de convites no Principal.

No mesmo escenario, pero ás 22:00 horas, celebrarase o Beat Fest, coa presenza de Rhytm Part, Kico Villa e Óscar López. E ás 23:00 horas, na praza do Toural, nova cita co ciclo Compostela É! Música, desta vez con Mojo Experience.

A axenda deste domingo complétase ás 20:00 e ás 22:00 horas, no Teatro Principal, con dous pases da obra Peter!... Voamos!, interpretada por 50 persoas con discapacidade intelectual e estudantes.

Compartir: