FESTAS

Os pases para os concertos de Rubén Blades e Rosalía poderanse retirar no Teatro Principal a partir do sábado

19/07/2018 As entradas para os concertos que Rubén Blades e Rosalía ofrecerán na praza da Quintana no marco das festas do Apóstolo poderanse retirar na billeteira do Teatro Principal a partir do próximo sábado. Os pases serán de balde, pero por motivos de organización do aforo o Concello recomenda a súa retirada previa.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, explicou que "o Goberno prevé que os concertos de Rubén Blades e Rosalía sexan os máis concorridos das festas, e para facilitar a organización do aforo optouse por recomendar a retirada previa das entradas". Os pases estarán dispoñibles a partir do sábado na billeteira do Teatro Principal, e poderanse retirar no horario habitual deste espazo, de 18:00 a 21:00 horas. Haberá 5.000 entradas a disposición do público, e poderanse retirar dous pases por persoa.

Branca Novoneyra explicou que "o Concello pídelle ás persoas que teñan retirada previamente a entrada que accedan á praza da Quintana ata 15 minutos antes do inicio dos concertos". A concelleira tamén aclarou que "as persoas que non teñan retirada previamente a entrada poderán acceder igualmente ao concerto, sempre que quede aforo na praza da Quintana".

Compartir: