FESTAS

O Certame Folk con Leilía e a actuación de Liridade Noctámbula, protagonistas deste venres do Apóstolo

19/07/2018 A xornada deste venres nas festas do Apóstolo ten dúas citas centrais. A primeira, na Quintana, é o Certame Folk patrocinado por La Voz de Galicia, que chega xa á súa sétima edición. A segunda, o concerto de Liridade Noctámbula, no marco do ciclo Compostela É! Música, na praza do Toural.

O Certame Folk que organiza La Voz de Galicia ofrecerá actividades de xeito ininterrompido dende as dez da mañá ata ben entrada a madrugada. Pola mañá, a praza da Quintana acollerá a Feira da Artesanía e do Deseño, na que se mostrarán e venderán produtos de acibeche, prato, coiro ou cerámica. Haberá tamén actividades e obradoiros participativos, pensados sobre todo para os máis novos. A xornada de tarde tamén estará especialmente dirixida ás nenas e nenos. Ás seis está prevista unha actuación do mago Dani García; ás sete actuará a Escola Galega de Danza Media Punta; e ás 19:30 horas chegará á praza o cómico Peter Punk.

A parte musical comezará ás 20:30 horas con Tiruleque, Leilía e Óscar Ibáñez & Tribo. Sonia Lebedinsky exercerá de mestra de cerimonias.

Liridade Noctámbula
Mañá venres tamén arrincará o ciclo Compostela É! Música, co concerto de Liridade Noctámbula, ás 23:00 horas na praza do Toural. O grupo presentará o seu novo disco, 9 poemas de Lorca, baseado nos textos do poeta granadino e que inclúe seis pezas en galego e dúas que tiran do libro Poeta en Nueva York. Liridade Noctámbula está liderado por Ramón Rey, voz da formación xunto con Laura Villanueva, Cristina Castro e Sara de Sousa. Ademais, forman parte do grupo Carlos Arévalo, á batería; Javier Cendrón, no violín; Alejandro Casquero, nos teclados; Rodolfo Amaral, á guitarra; e Fabio Alonso, no baixo.

Compartir: