CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os estudantes composteláns regalaron máis de 9.500 horas solidarias

16/01/2007 A participación en Compostela na IV Olimpiada Solidaria de Estudo deixou un balance de 680 participantes e 9.540 horas de estudo, sumando a achega dos centros socioculturais e da Universidade de Santiago. Estas horas solidarias converteranse en euros destinados a proxectos de axuda ao desenvolvemento.

Na presentación do balance, a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, destacou a importancia desta campaña para a "concienciación dos nenos e nenas da nosa cidade". Niso mesmo incidiu o coordinador dos centros socioculturais, Enrique Vázquez, ao indicar que "o máis importante é a educación en valores".

Laura Piccirillo, da ONG Coopera, apuntou algunha das cifras da campaña, como a recadación total nos catro países implicados (España, Bélxica, Burundi e Costa de Marfil), que ascendeu a 143.000 euros. En Galicia acadáronse os 792 participantes e as 11.109 horas de estudo.

Maior participación

En Santiago, salienta a cifra de 983 horas de estudo acadada nos centros socioculturais, o que supón un 82,5% máis que na campaña de 2005. Participaron os centros socioculturais de Conxo, As Fontiñas, A Trisca e Vite, ademais da Asociación Rúa Nova e o Club Xuvenil Senra.

No caso da Universidade, a participación foi de 583 usuarios e o total de horas chegou ás 8.557, cunha media de 4,3 horas ao día por estudante. O responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Xavier Agrafojo, amosouse satisfeito con estas cifras, se ben lamentou que a participación non fora aínda maior, a causa do parón rexistrado na Biblioteca Xeral a causa das inundacións e dalgún problema coa propia loxística da campaña. En calquera caso, apuntou como dato significativo que os estudantes máis participativos foron os de Física, Económicas e Enxeñería Química.

42 salas en Galicia

No conxunto dos catro países implicados habilitáronse 208 aulas, das cales 42 estaban en Galicia. Participaron 1.565 mozos e mozas, que alcanzaron as 18.896 horas. Dos estudantes, 1.135 eran universitarios e 430 doutros niveis educativos.

Contrasta o feito de que mentres en España e Bélxica o 58% dos participantes eran mulleres, nos países africanos esta porcentaxe feminina foi do 14%. Como obxectivo para a vindeira campaña, Laura Piccirillo fixou que o 16% dos participantes que aínda manifestaban non coñecer o fin do seu estudo solidario, saiban o destino do recadado. Para o 2007 unirase á campaña outro país, Italia.

Esta iniciativa comezou o 13 de novembro e rematou o 15 de decembro. O seu obxectivo era recadar fondos para proxectos solidarios. Concello e Universidade de Santiago achegan un euro por cada hora de estudo nas salas habilitadas ao efecto. O recadado destinarase a tres proxectos de axuda ao desenvolvemento no Congo, Burundi e Costa de Marfil.

Compartir: