FESTAS

A Real Filharmonía de Galicia e o grupo compostelán de jazz Sumrrá xúntanse nun concerto no Apóstolo

18/07/2018 A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo. A praza da Quintana acollerá mañá xoves, 19 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 21:00 horas. A RFG tocará xunto ao grupo compostelán de jazz Sumrrá, na que será a estrea absoluta do seu proxecto Sumrrá sinfónico. As entradas para as cadeiras, que eran gratuítas previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal, xa están esgotadas. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia.

O concerto presentouse esta mañá en rolda de prensa, coa presenza dos membros do grupo; da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, quen se referiu a Sumrrá como "un referente moi potente para a música na cidade, para a música ao vivo"; e o director da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel. O director falou do grupo como "xente talentosa e xenerosa". Explicou que "a historia con Sumrrá comezou unha noite na Casa das Crechas, en Compostela, escoitando unha actuación súa. E pensei que habería que facer algo con este músicos excepcionais e a Real Filharmonía de Galicia, que podía funcionar".

Con 18 anos de traxectoria e seis discos editados, Sumrrá é un dos grupos máis importantes do panorama jazzístico actual. Está integrado polo contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, o pianista Manuel Gutiérrez e o batería Lar Legido.

Sumrrá: "Un concerto memorable que imos desfrutar por enriba de todo"
"Buscamos temas que foran esenciais na nosa traxectoria discográfica. Se ben non están presentes temas de todos os nosos álbums, si que está representada a nosa forma de entender a música, de compoñer, de arranxar e de interpretar. Démoslle voltas ao noso repertorio para que tamén a integración coa linguaxe orquestral fora orgánica, fluída e o máis intuitiva posible. Pensamos que o balance é perfecto. Estamos moi contentos co resultado", explican dende o grupo.

Respecto ao arranxo dos temas para orquestra, sinalan que "tivemos claro dende un primeiro momento que queriamos atoparnos coa orquestra, cara a cara, na nosa música. E para iso cómpre chegar ao máis profundo de cada unha das músicas e arranxar dende a paixón e o instinto. Sentimos en todo momento que estabamos preparando un concerto memorable que imos desfrutar por enriba de todo".

Primeira vez de Sumrrá cunha orquestra sinfónica
É a primeira vez que Sumrrá toca cunha orquestra sinfónica e para eles "é importante que sexa coa Real Filharmonía de Galicia, xa que é a orquestra referente para nós como habitantes de Compostela e é o xeito máis acaído para que Sumrrá entre no mundo sinfónico. É un elemento máis dos que aporta organicidade ao proxecto final. É, sen dúbida, un selo de calidade do que nos sentimos orgullosísimos".

Os integrantes do grupo valoran esta fusión de estilos musicais indicando que "máis que un encontro de distintos estilos musicais, nós pensamos que son distintas formas de traballar, musicalmente falando. Por iso, a clave está en coordinar os distintos fluxos de traballar coa música, e deixar que sexa esta a que guíe todo o proceso". E salientan que "o feito de ter implicados de xeito emocional a moitos membros da Real Filharmonía de Galicia, que son amigos, colegas e público de Sumrrá; o feito de ter o compromiso tan firme do mestre Paul Daniel, para garantirnos liberdade e entrega total; e o feito de ter a toda a maquinaria da RFG traballando polo éxito do proxecto, é algo tan complicado de conseguir noutras orquestras que fai que esteamos eternamente agradecidos por esta experiencia apaixonante".

O grupo define esta experiencia como "un dos acontecementos máis relevantes da nosa carreira. É un recoñecemento da nosa cidade, onde nos atopamos, onde medramos e dende onde exportamos a nosa forma de entender a música a todo o Planeta. Este concerto é un agasallo para nós e tamén é un xeito de devolver a Compostela a mellor versión de nós mesmos".

Territorio das Mulleres
A xornada do xoves das festas do Apóstolo ten outra importante cita, o concerto Territorio das Mulleres, que arrincará ás 21:30 horas na praza 8 de Marzo. MonQup, Rapariga DJ e Batuko Tabanka serán as artistas protagonistas desta actuación.

Compartir: