ACCIÓN CULTURAL

O Pazo de Raxoi, escenario dunha acción do artista Fermín Jiménez Landa

18/07/2018 O Pazo de Raxoi foi este mediodía escenario dunha acción enmarcada no taller que Fermín Jiménez Landa está a dirixir no Centro Galego de Arte Contemporánea, baixo o nome "Facer dúas veces". Nel, o artista navarro está a recrear diferentes performances que son referenciais na historia da arte, para revivir as reflexións que xeraron sobre a vida cotiá, os límites do espazo público ou a convivencia nas cidades.

A acción desenvolvida no Pazo de Raxoi recreou a performance Expiration Movement, que o artista Daniel Knor ideou hai pouco máis dun ano na cidade alemá de Kassel, no marco da exposición de arte contemporánea Documenta 14. Tratábase de simular que unha torre do museo Fridericianum estaba ardendo, en alusión á biblioteca que albergou ese edificio ata ser devastado na Segunda Guerra Mundial. Fermín Jiménez Landa optou por recrear esa performance no Pazo de Raxoi, "buscando o impacto e o desconcerto dos espectadores ao veren fume nun edificio cunha gran carga histórica e nun emprazamento como a praza do Obradoiro".

Compartir: