IGUALDADE

MonQup, Rapariga DJ e Batuko Tabanka, protagonistas do concerto "Territorio das Mulleres"

17/07/2018 A praza 8 de Marzo volve acoller, por terceiro ano consecutivo, o concerto Territorio das Mulleres, enmarcado dentro das festas do Apóstolo. A actividade foi presentada pola concelleira de Igualdade, Turismo e Desenvolvemento Económico, Marta Lois, que estivo acompañada de MonQup, unha das artistas.

A finalidade deste tipo de concertos, tal e como destacou a edila, pasa "darlle a máxima visibilidade á reivindicación da igualdade nun momento especialmente significativo para a cidade, que conta cunha numerosa afluencia de xente que acode a estas festas".

Este concerto volverá colocar a praza 8 de Marzo "no epicentro da reivindicación feminista", ademais de posicionala como outro dos escenarios de referencia no Apóstolo das mulleres. Terá lugar o xoves 19 de xullo na citada praza a partir das 21:30 horas.

Rapariga DJ
Rapariga DJ é o alter ego de Cris Pontanilla. As súas eclécticas sesións van dende o funk e o rock ata o disco e a electrónica. Todo pensado para facer bailar dende o primeiro ata o último son. Estudou Belas Artes en Pontevedra, cara a onde se mudou procedente da localidade ourensá de Celanova.

Este xoves actuará en sesión dobre, primeiro para abrir o concerto ás 21.30 e como peche de festa a partir da medianoite.

Batuko Tabanka
Unha decena de mulleres de Cabo Verde, afincadas en Burela, cheas de forza, alegría, tradición e respecto baten con furia e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas: o batuko. O bruído rebelde de Batuko Tabanka dura o tempo suficiente para poñer a pel de galiña a quen escoite estas batukadas. Unha proposta que reflicte a mensaxe máis positiva das migracións: o respecto e o diálogo.

MonQup
MonQup é o nome artístico de Camille Hèdouin, unha artesá do son, nacida en Rouen (Francia) con orixes francoitalianos e costamarfileños, pero galega de adopción. Foi en Galicia onde comezou a xogar con loops e samplers, creando composicións que funcionan como un collage de texturas, formas e cores e que teñen como resultado a paisaxe sonora de MunQup.

A artista navega a través da fusión sonora, onde o jazz, o soul e o R&B se entremesturan coa música electrónica. Todo iso combinado cunha potente voz que converte os seus directos nunha experiencia hipnotizante.

Este concerto conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e Abanca.

Compartir: