ALCALDÍA

Diminúen os delitos rexistrados en Santiago

13/07/2018 No primeiro semestre do ano baixaron os delitos rexistrados en Santiago, segundo se puxo de manifesto na Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe. Na reunión analizáronse os dispositivos de seguridade previstos para os días 24 e 25 de xullo, días grandes das festas do Apóstolo.

A Xunta Local de Seguridade estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar García-Riobóo. Segundo os datos analizados na reunión, diminuíron todos os tipos de delitos, salvo os ciber-delitos, segundo salientou a subdelegada do Goberno. Pilar García-Riobóo fixo unha chamada á responsabilidade dos consumidores para que "se informen ben dos operadores que utilizan para as súas transaccións, para evitar este tipo de delitos e para seren conscientes do momento no que son vítimas deles para facilitar a resolución do caso".

No primeiro semestre do ano tamén se incrementou o número de roubos no interior de vehículos. Martiño Noriega sinalou que este repunte está relacionado "cun caso concreto, que lle afecta a un barrio concreto".

Colaboración
Tanto o alcalde como a subdelegada do Goberno na Coruña salientaron "a colaboración envexable das distintas forzas de seguridade en Santiago". Esa cooperación, segundo apuntou Martiño Noriega, é a que permite que "a capital galega siga sendo unha cidade segura, mesmo nos momentos de grande afluencia de visitantes ou en eventos como os relacionados co Apóstolo".

Compartir: