ALCALDÍA

O alcalde recibiu o gañador do II Certame de Creación Audiovisual do Grupo Cidades Patrimonio

11/07/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu o gañador do II Certame de Creación Audiovisual do Grupo Cidades Patrimonio na categoría de 19 a 30 anos, Alejandro Gesto. Este compostelán alzouse co premio cunha peza sobre a riqueza patrimonial da cidade.

Alejandro Gesto Louro recibiu o galardón, dotado con 2.000 euros, por un traballo titulado Cal é o maior patrimonio de Santiago?. O alcalde expresoulle as súas felicitacións e entregoulle un agasallo en recordo do seu paso por Raxoi e en agradecemento por un traballo que, ao fin e ao cabo, promociona a imaxe de Santiago de Compostela, neste caso a través das redes sociais.

Co II Certame de Creación Audiovisual do Grupo Cidades Patrimonio, dirixido a rapaces e rapazas de entre 16 e 30 anos, o Grupo quería, ademais de propiciar un maior coñecemento e sensibilización cara ás 15 Cidades Patrimonio, potenciar o uso das novas tecnoloxías, desenvolver a creatividade no campo da imaxe e estimular a capacidade de observación da contorna da cidade.

O certame busca que son que os mozos e mozas adquiran un maior coñecemento do concepto Patrimonio Mundial e da declaración da Unesco pola que a súa cidade foi incluída na Lista do Patrimonio Mundial, así como provocar neles un sentimento de pertenza e orgullo con respecto ao devandito recoñecemento e, á vez, darlles a oportunidade de ofrecer a súa visión persoal do Patrimonio a través da súa cidade.

Esta iniciativa forma parte das celebracións do 25 aniversario do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España e enmárcase no Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Compartir: