MEDIO AMBIENTE

O proxecto "Descarboniza! Que non é pouco..." reforzarase no vindeiro curso co financiamento da Fundación Biodiversidade

10/07/2018 O proxecto Descarboniza! Que non é pouco... vén de recibir unha subvención da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que permitirá reforzar as súas actividades de cara ao vindeiro curso. A axuda ascende a algo máis de 44.000 euros.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e Miguel Pardellas, en representación do Grupo de Investigación SEPA, de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago, deron conta hoxe da concesión desta subvención. Segundo explicaron, o proxecto Descarboniza! Que non é pouco... foi un dos 50 seleccionados pola Fundación Biodiversidade, nunha convocatoria á que se presentaron máis de 400 proxectos.

O edil explicou que a concesión da axuda da Fundación Biodiversidade permitirá "poñer en marcha un programa de colaboración co concello de Donostia, exportando o modelo do Descarboniza! Que non é pouco... O proxecto pretende "crear conciencia sobre o cambio climático aproveitando as actividades socioculturais e o ocio comunitario, que chegan a unha parte da poboación que doutro xeito non terían acceso a eses contidos, como por exemplo a terceira idade". Para iso, unha das claves da metodoloxía son os técnicos municipais e os profesionais do sector sociocultural e de ocio comunitario, que "deben recibir tamén a información necesaria sobre estratexias de adaptación ao cambio climático".

Miguel Pardellas explicou que o proxecto desenvolverase coa mesma metodoloxía de traballo que ata agora, "prestando especial atención á terceira idade, que está respondendo moi ben ante o programa". Segundo explicou, ao longo deste curso "houbo varios concellos interesados na metodoloxía, e finalmente imos poder colaborar con Donostia, adaptando a metodoloxía ás súas características particulares".

Novo curso
Ademais da colaboración co Concello de Donostia, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia e o grupo de investigación SEPA están traballando na mellora do programa "Descarboniza! Que non é pouco... de cara ao próximo curso. Un dos obxectivos, segundo apuntou Miguel Pardellas, será estreitar a colaboración coa rede de centros cívicos, para que o persoal que traballa nela reciba unha formación específica en cambio climático, que poida aplicar á súa metodoloxía de traballo coas persoas usuarias.

O proxecto tamén reforzará o traballo co público adulto, e fundamentalmente coa terceira idade, para buscar o seu papel máis activo na loita contra o cambio climático e a súa participación en actividades interxeneracionais coa mocidade.

Proxecto consolidado
Descarboniza! Que non é pouco... botou a andar como proxecto piloto en marzo de 2017 e, tras a boa acollida desa primeira experiencia, organizáronse actividades estables en cinco centros cívicos ao longo do curso 2017-2018, nas que participaron máis de medio cento de persoas. En concreto, o grupo SEPA traballou con dous grupos de mulleres nos centros cívicos de Busto e Lavacolla, cun grupo de adultos en Vite, cun grupo xuvenil no centro cívico de Conxo e cun grupo de memoria no barrio do Castiñeiriño.

O programa inclúe unha parte de intervención educativa, con seis sesións dunha hora de duración con cada grupo, e actividades que buscan mostrar como a vida cotiá das persoas inflúe, negativamente, no cambio climático. Para comprobalo, na práctica, organizáronse dende paseos pola contorna dos diferentes centros a obradoiros de cociña ou elaboración de conservas.

No marco de Descarboniza! Que non é pouco... organizouse tamén un concerto-coloquio con Sés no Teatro Principal, ao que asistiron máis de 400 persoas.

Compartir: