FACENDA

Amplíase o prazo para presentar propostas aos Orzamentos Participativos ata o luns 16 de xullo

06/07/2018 Para facilitar a participación de todas as persoas que o desexen, amplíase dez días o prazo de presentación de propostas dos Orzamentos participativos Compostela Decide, que remataba onte venres. O incremento da participación nos últimos días levou a tomar esta medida para poder analizar todas as propostas presentadas e permitir que aquelas persoas que non o fixeron antes ou que precisan replantexar a súa idea para que a súa proposta sexa aceptada no proceso o poidan facer e pasar así ás fases seguintes (apoios e votación).

O prazo permanecerá aberto así 10 días máis ata o vindeiro luns 16 de xullo ás 23:59 horas. Neste tempo, calquera persoa (empadroada ou non) poderá achegar propostas de investimentos para o municipio ou algunha das zonas territoriais que participan nesta edición (rural, leste e noroeste), así como actividades dirixidas á mocidade ou ás Festas do Apóstolo de 2019 a través da plataforma web decide.santiagodecompostela.gal.

O que se pode propoñer
O importe total dos Orzamentos Participativos repártese entre investimentos e actividades. Así, destínanse 400.000 € ao municipio no seu conxunto ou a propostas que afecten a máis dunha zona da cidade, 450.000 € ás parroquias do rural (é a única zona que repite en cada exercicio, por motivos de reequilibrio territorial, sendo o resto das áreas rotatorias) e 225.000 €, respectivamente, a dúas zonas da cidade, que nesta edición se corresponden cos barrios do leste (San Roque, Bonaval, San Pedro, Concheiros, Almáciga, A Salle, Tras Santa Clara, Home Santo, Belvís, Seminario Menor, A Trisca e avenida de Lugo) e o noroeste (Galeras, Carme, Casas Novas, Santa Isabel, Salvadas, Vista Alegre, O Avío, San Lourenzo, Pombal, Pelamios, Xoán XXIII, A Estila, O Romaño e A Peregrina). Os restantes 200.000 € destínanse a partes iguais a propostas de actividades para a mocidade e a celebrar durante as Festas do Apóstolo de 2019.

As seguintes fases do proceso: apoiar e votar
Ademais, ata o 27 de xullo, as persoas empadroadas na cidade poden darlle o seu apoio ás propostas xa presentadas. Este apoio é importante porque permitirá priorizalas para o seu estudo por parte do persoal técnico municipal na seguinte fase, a de avaliación, que dura ata o 25 de setembro. Nese tempo estimarase o custe de cada investimento ou actividade e comprobarase que sexan viables e legais para que poidan pasar á fase de votación final, á que chegarán 140 propostas, 20 por cada área ou proceso (excepto a área rural, da que pasarán 40). Do 25 de setembro ao 14 de outubro, calquera persoa empadroada en Santiago de Compostela poderá votar por aquelas que queira que se incorporen aos orzamentos municipais de 2019.

Direccións relacionadas



Compartir: