XUNTA DE GOBERNO

Luz verde á modificación provisional das ordenanzas de ruídos e terrazas

06/07/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe modificar a ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais, así como a ordenanza reguladora da tramitación das licenzas urbanísticas. Trátase dunha actualización para a adaptación de ambas normativas á nova Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, que entrou en vigor o pasado dous de xullo. A modificación da ordenanza terá que someterse a aprobación inicial do Pleno da Corporación, na sesión deste mes.

O alcalde explicou que a entrada en vigor da nova lei autonómica require "unha análise profunda e unha modificación da normativa municipal relacionada co desenvolvemento de espectáculos públicos, co obxectivo de conseguir unha maior seguridade xurídica e unha simplificación da tramitación administrativa". Martiño Noriega adiantou que "o Concello está a traballar, en colaboración cun equipo da Universidade de Santiago, na modificación global das ordenanzas, co obxectivo último de garantir que se manteña a identidade cultural de Santiago e a súa actividade musical despois da entrada en vigor da Lei de Espectáculos".

Modificación da ordenanza de ruídos
A modificación aprobada hoxe na Xunta de Goberno elimina o artigo da ordenanza que establece as superficies mínimas esixibles para cada categoría de local de hostalería, para garantir que non haxa ningunha discriminación no acceso ás actividades de servizos. Na redacción actual da normativa municipal esixíase, por exemplo, que os cafés concerto tiveran unha superficie mínima de 150 metros cadrados, fronte aos 60 metros cadrados precisos para obter a licenza de bar ou cafetería.

Na mesma liña, modifícase o artigo da ordenanza que non permitía a utilización de aparellos de amplificación ou altofalantes nos establecementos con licenza de bar ou cafetería, para permitir "a amenización ou ambientación musical por medios técnicos ou con voz e música en directo con ou sen amplificación sempre que non se superen os niveis máximos de inmisión, emisión e recepción previstos no decreto de contaminación acústica de Galicia". Trátase, segundo apuntou o alcalde, de "eliminar a distinción que existía ata o de agora entre a música ao vivo e a música gravada, para manter unicamente o condicionante do nivel de decibelios permitido".

A Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, que entrou en vigor o 2 de xullo, dalles aos Concellos un prazo de dous anos para que adapten as súas ordenanzas municipais, e o Concello de Santiago quere adiantarse a ese límite legal e acometer un proceso uintegral de reforma e simplificación normativa neste ámbito.

Ordenanza de terrazas
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, a modificación da ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería, que tamén deberá pasar polo Pleno da Corporación.

Un dos cambios introducidos na ordenanza aféctalle ás actividades complementarias desenvolvidas polos establecementos de hostalería "que non estarán sometidas ás limitacións de illamento acústico ou aos límites máximos de ruído permitidos no exterior. Non obstante, en ningún caso se producirán ruídos que superen en espazos lindantes, horizontais ou verticais, os niveis fixados como niveis de recepción polo artigo 13 da ordenanza xeral municipal reguladora da emisión, recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais".
A modificación da ordenanza de terrazas tamén limita a catro anos o período de vixencia das terrazas con pechamentos estables, para cumprir a Lei de Patrimonio de Galicia; e limita a posibilidade de modificar os termos das autorizacións das terrazas a un cambio por ano.

Tamén se introduce unha nova redacción no artigo que regula os horarios das terrazas, para sinalar que a limpeza e a retirada do mobiliario da terraza deberá facerse no prazo máximo de 30 minutos unha vez rematado o tempo de permanencia permitido. Por último, a modificación da ordenanza de terrazas limita a utilización da fronte de fachada libre distinta a do propio local propietario. Ata o de agora, sinalábase que "a terraza podería situarse acaroada á fachada do establecemento ou estar separada desta ata un máximo de vinte metros", e agora esta posibilidade de separar a terraza estará limitada a casos excepcionais.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: