XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local investirá 130.000 euros na mellora da rúa das Cancelas

06/07/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de reurbanización do tramo da rúa das Cancelas, no contorno da subestación eléctrica. A actuación suporá un investimento de 130.000 euros. A empresa Excavaciones Midón encargarase dos traballos, que teñen un prazo de execución de 45 días.

O alcalde explicou que "a rúa das Cancelas atópase nun estado moi deficiente, e nin sequera conta con beirarrúas". Martiño Noriega recordou que "esta é unha zona moi transitada debido aos servizos existentes nas proximidades, entre eles o centro comercial". O proxecto adxudicado hoxe "daralle continuidade ao percorrido peonil entre a avenida de Rodríguez de Viguri e a rúa de Salgueiriños de Arriba, con beirarrúas que terán un ancho de entre 1,5 e 2 metros". Ademais, vanse aproveitar as obras para ampliar a instalación do alumeado e para soterrar a rede de recollida de pluviais que na actualidade discorre en superficie neste tramo.

Cruceiro da Coruña
Na xuntanza de hoxe tamén quedaron adxudicadas as obras de rexeneración do pavimento da vía de servizo da avenida do Cruceiro da Coruña, na marxe leste. A actuación, que correrá a cargo da empresa Canarga, terá un custo dalgo máis de 160.000 euros. O alcalde lembrou que esta actuación súmase ás obras de mellora da vía de servizo da marxe oeste, xa executadas este ano cun investimento de preto de 125.000 euros. O proxecto contempla o arranxo da pavimentación, pero tamén a reparación das beirarrúas e o rebaixe dos pasos de peóns para mellorar a accesibilidade.

A Xunta de Goberno tamén adxudicou hoxe, á empresa Francisco Gómez y CIA, as obras de mellora do viario que comunica Barciela, desde o cruce de Candelabeira, con César, no lugar de Casas de Arriba. Os traballos aféctanlle a un tramo de 1,3 quilómetros e terán un custo de case 130.000 euros. O prazo de execución será de catro meses.

Bolardos de San Francisco
Á marxe das obras, a Xunta de Goberno de hoxe adxudicou o contrato de subministro do novo sistema de control de acceso da rúa de San Francisco, á empresa Kapsh Trafficom. Os novos bolardos terán un custo de 123.500 euros.

Na actualidade, na rúa de San Francisco existe un sistema de control de acceso con dúas cámaras para o rexistro automático das matrículas dos vehículos con paso autorizado, pero non existe unha barreira que impida o paso dos demais coches. O contrato adxudicado hoxe prevé a instalación de bolardos que se accionarán de forma automática mediante cartóns de proximidade ou a través do sistema de lectura automática de matrículas. O servizo estará integrado no sistema de control que opera a Policía Local.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: