ALCALDÍA

Martiño Noriega: "Despois dunha década, por fin empeza a ver a luz a estación intermodal"

06/07/2018 O alcalde expresou hoxe a súa satisfacción porque hoxe "comece a facerse realidade unha demanda histórica de Santiago: a estación intermodal". Foi durante o acto oficial de inicio das obras de construción da nova estación de autobuses, que estivo presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Martiño Noriega lembrou que Compostela "leva máis dunha década no debate das grandes infraestruturas, e hoxe por fin vemos a luz nunha das máis importantes: a estación intermodal". O alcalde agradeceu a colaboración institucional coa Xunta e con ADIF para facer realidade este proxecto "que non só garante a intermodalidade, senón que tamén sutura a fenda aberta na cidade, conecta dous barrios que vivían de costas e que agora estarán unidos coa plataforma peonil incorporada ao proxecto da estación".

O acto oficial de inicio das obras da estación de autobuses estivo presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa participación da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.

Os traballos, orzados en 10,4 millóns de euros, teñen un prazo de execución de 18 meses. A nova estación de autobuses será un edificio de dous andares, cunha superficie total de máis de 13.000 metros cadrados.

Compartir: